A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a presentación da candidata á Alcaldía do Rosal, a actual rexedora Ánxela Fernández, para expresar o seu “orgullo con maiúsculas” vendo todo o que o BNG foi capaz de lograr no concello nun tempo récord, facendo que o municipio “avanzase máis nestes catro anos que nos últimos trinta, da man de Ánxela como a mellor capitana dun gran equipo de goberno”.
O BNG, recalcou Pontón, ten un modelo municipal de éxito que hoxe é referente en toda Galiza, destacando que O Rosal é un “exemplo excelente” dese modelo que funciona, que mellora a vida das persoas e que fai que vilas e cidades avancen.
“É un orgullo ver como os gobernos municipais do BNG transforman vilas e cidades, como colocan ás persoas no centro da acción política mellorando a vida dos veciños e das veciñas, como xestionan con eficacia e practican unha política transparente, de portas abertas á participación da veciñanza. Como fixo Ánxela no Rosal”, subliñou.
Igualmente, destacou que seguindo ese modelo municipal, o goberno liderado por Fernández apostou polos servizos públicos, puxo en marcha políticas de benestar social e en defensa do medio ambiente, recuperando e rehabilitando, ademais, o espazo público para ás persoas.
“Os gobernos municipais do BNG teñen capacidade de ilusionar e de dar esperanza no futuro, de aportar dinamismo económico, social e cultural, como demostrou Ánxela aquí no Rosal con todo o seu equipo de goberno”, recalcou a líder nacionalista.
Co aval dese gran traballo, Pontón amosouse convencida de que “queda moito tempo por diante de Ánxela como alcaldesa do Rosal, porque volverá recibir o apoio masivo dos veciños e das veciñas este 28M, dos que confiaron en nós fai catro anos e de todas as persoas que valora o gran traballo do goberno municipal, unha auténtica revolución en positivo”.
A líder do Bloque botou a vista atrás para lembrar que hai catro anos O Rosal era un concello que esmorecía, paralizado no tempo e sen pulso. “Hoxe está convertido nun referente dentro da comarca do Baixo Miño”, indicou.
“Para manter esa liña de progreso e de ilusión, volverá ser alcaldesa do Rosal, impulsando o proxecto de presente e de futuro que representa o BNG”, recalcou. “Sei que o BNG vai ter un resultado electoral impresionante o 28M porque nos avalan os feitos e nada mellor que poder pedirlle a confianza aos veciños e as veciñas con esa gran carta de presentación”, subliñou.
A partir do 28 de maio, baixo o liderado de Fernández, o concello seguirá avanzando na recuperación do espazo público; nunha xestión eficaz, conseguindo investimentos para sacar adiante os proxectos que precisa o municipio.
Un goberno BNG é a garantía de que O Rosal continúa o seu avance en benestar social; en feminismo e igualdade, que proseguirá a senda da creación de riqueza e emprego, potenciando a economía local e que manterá o impulso á cultura, ao deporte e á participación cidadá.
Pontón destacou na súa intervención que a formación nacionalista será a forza política que máis suba nas eleccións municipais, “multiplicando a nosa representación ao longo e ancho do País, con más alcaldías, con máis concelleiros e concelleiros, avanzando no reto de darlle a Galiza un goberno e unha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas”, concluíu.