Ana Pontón: «Con Ánxela Fernández e o seu equipo os veciños e veciñas do Rosal están gañando calidade de vida»

O Rosal
O Rosal

Pontón felicitou ao goberno do BNG no Rosal que recupera a feira do viño nunha renovada praza do concello como espazo de encontro para a veciñanza

Destaca a calidade dos caldos do Rosal e o bo facer das adegas que forman o sector vitícola, estratéxico no económico e para o emprego

 

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a visita á feira do viño do Rosal para destacar o gran traballo de transformación e de avance do municipio que está levando a cabo o equipo de goberno que lidera a alcaldesa Anxela Fernández, tomando como exemplo a recuperación dunha nova edición da feira que se celebra precisamente nunha renovada Praza do Calvario.

“É un orgullo estar nesta praza convertida nun lugar de encontro e de convivencia da veciñanza e convertido tamén nun símbolo de como goberna o BNG desde os concellos: transformando en positivo para mellorar a vida das persoas, neste caso humanizando e recuperando para os veciños e as veciñas un espazo público emblemático como é a praza do concello”, indicou.

A líder do Bloque destacou a coidada rehabilitación, poñendo en valor o patrimonio da vila e convertida agora no centro da actividade económica, da vida social de convivencia do concello, un espazo público de calidade, máis verde, inclusivo e accesible. “Así é como traballa o BNG desde os concellos, a favor das persoas”, recalcou, parabenizando á alcaldesa e a súa equipa de goberno.

Pontón sumouse á Fernández á hora de valorar que a 30º da feira do viño non é unha cita máis, senón o certame do “reencontro” despois de dous anos de limitacións pola pandemia.

“É unha edición moi especial porque se recupera por completo a presencialidade da feira despois destes dous anos tan duros e porque, como destaca a propia alcaldesa, está a ter a máis variada e completa programación, para difundir os viño das adegas, pero tamén gastronómica, musical, deportiva e, cun aspecto que quero destacar especialmente, o seu carácter inclusivo en especial con eses xogos da empatía, umha gran iniciativa do goberno local”, presumiu a portavoz nacionalista.

Pontón subliñou a importancia do sector vitícola, estratéxico en termos económicos e de creación de emprego en concellos como o do Rosal e a comarca do Baixo Miño, polo que felicitou a todo o sector e ás adegas pola calidade dos caldos que producen, cunha gran aceptación no mercado tanto dentro como fora de Galiza.

“Quero destacar o papel de todas as adegas e felicitalas, porque trinta anos de feira do viño significa trinta anos facendo un gran traballo, apostado pola calidade. Falamos dun sector clave para o Rosal pero tamén para o conxunto de Galiza”, recalcou, animando a desfrutar da última xornada do certame.

Pontón fixo fincapé no feito de que o sector vitícola tamén resulta estratéxico polo papel que xoga á hora de preservar o territorio, fixar poboación e impulsar outras actividades, como o turismo e a cultura. “O sector vitivinícola significa un territorio vivo, un rural vivo, significa concellos nos que vivir e traballar, con benestar social e con servizos, tamén no interior de Galiza”, argumentou.

A 30 edición da Feira do Rosal conxuga o negocio do viño, a promoción económica dos caldos da comarca coa promoción da actividade turística e todo que implica, mesmo tamén de socialización e de encontro despois de dous anos de forzosa separación social.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG