Ana Pontón anima á mocidade a ser o motor do cambio para poñer en marcha da man do BNG unha Galiza que mellore a súa vida

Asemblea Galiza Nova
Asemblea Galiza Nova

Alenta á xente moza a reverter o balance dramático que lle deixa o PP porque non ten que escoller entre precariedade e emigración

Merece poder traballar e vivir no seu propio País, afirma a líder nacionalista

A portavoz nacional, Ana Pontón, animou á mocidade galega a ser o verdadeiro “motor do cambio galego” para poñer en marcha da man do BNG unha Galiza que mellore a súa vida e a de todos os galegos e galegas.

Así o afirmou na XVII Asemblea Nacional de Galiza Nova, na que defendeu a necesidade dun cambio galego liderado polo Bloque ante a política suicida do Goberno do PP para a xente moza, á que o seu legado deixa ao pé dos cabalos cun panorama laboral precario, unha dependencia familiar prolongada no tempo e a emigración como saída.  

Neste sentido, a líder nacionalista recordou algúns dos datos que evidencian o “balance dramático” da xestión do Partido Popular co que, nos últimos 14 anos, 200.000 mozos e mozas se viron na obriga de emigrar para buscar fóra un futuro mellor. A isto sumou o alarmante descenso tanto da mocidade activa como da poboación nova ocupada, con caídas dende 2009 de máis do 42% (108.700 mozos e mozas menos) e do 38% (75.800 menos), respectivamente.

A portavoz nacional advertiu que a situación agrávase co balance dos salarios medios anuais, menores nos tramos de ata os 25 anos, o que demostra que, cos gobernos do PP, a mocidade vai para atrás, vive peor, cústalle máis emanciparse e conseguir unha vivenda e traballa máis por menos cartos.

“Este País non se pode permitir esta desfeita”, asegurou para recalcar a continuación que a xente moza non ten que escoller entre precariedade e emigración, senón que “merece poder traballar e vivir no seu propio País”, polo que defendeu o “proxecto transformador” que representa o Bloque para ofrecerlle unha vida digna na súa terra, cun futuro no que teña oportunidades, traballos dignos, acceso á vivenda, servizos públicos de calidade e a posibilidade de desenvolver o seu proxecto vital. 

Pontón felicitou polo traballo realizado á secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, e a toda a dirección da organización xuvenil, á que tamén trasladou os mellores desexos para un tempo novo no que sen dúbida contribuirá a poñer fin ás vellas políticas e darlle a benvida a accións de goberno novas e audaces.

Logo de destacar a importancia que ten a mocidade na formación nacionalista para crear a Galiza do futuro que, segundo dixo, ten que ser nova, con proxecto propio e con ambición, a portavoz do BNG apelou á forza transformadora da xente moza para darlle a volta ao estado de decepción en que o PP sumiu ao País, deixar atrás ese pasado gris e dar paso a un tempo novo que mellore a vida das persoas. “Vós seredes partícipes principais do cambio galego”, concluíu. 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG