Á espera de coñecer o texto íntegro da sentenza do Tribunal Supremo, a portavoz nacional, Ana Pontón, quixo facer unha primeira valoración ante unha decisión xudicial “de enorme transcendencia para o País”, que cualificou de “inxusta e inexplicable” e ante a que o BNG, avanzou, esgotará todas as vías políticas e xudiciais.
“Esta sentenza será recordada por inxusta e inexplicable menos para aqueles que se benefician das portas xiratorias sentándose no Consello de Administración de ENCE con salarios millonarios; esta sentenza será recordada por inxusta e inexplicable, salvo para aqueles que consideran que se poden espoliar os recursos naturais de Galiza para lucro dunha multinacional con total impunidade e esta sentenza será recordada por inxusta e inexplicable, salvo para quen se puxo sempre do lado da empresa e encontra dos intereses dos galegos e das galegas”, argumentou.
Pero a sentenza non é o punto e final, porque o BNG, subliñou Pontón, “ten claro que ningunha multinacional, por moi poderosa que se crea, vai pasar por riba da dignidade de Pontevedra e de Galiza e por iso seguiremos loitando para sacar a ENCE da Ría”.
Neste sentido, a líder do Bloque avanzou que o BNG vai esgotar todas as vías xudiciais e políticas para conseguir que a Ría de Pontevedra “volva ser o que sempre debeu ser: un ecosistema ambiental único capaz de xerar riqueza e miles de postos de traballo”.
De feito, alegou, o BNG xunto coa maioría social defende para Pontevedra o mesmo que fixeron outras cidades no Estado: sacar as industrias contaminantes dos centros das urbes, “e non se entende porqué se quere facer unha excepción con Pontevedra, non se entende esta obcecación ante algo que noutras cidades se fixo con normalidade”, alegou.
Pontón deixou claro que o BNG vai seguir traballando para devolverlle a Ría de Pontevedra aos seus lexítimos propietarios, a veciñanza e o conxunto dos galegos e das galegas. “Nin un paso atrás na loita por sacar ENCE da Ría de Pontevedra e nin un paso atrás na loita para devolverlle á Ría de Pontevedra a quen realmente lle pertence: aos galegos e ás galegas”, concluíu.