A portavoz nacional, Ana Pontón, pide ao presidente da Xunta que tome nota sobre os últimos datos do paro que mostran que a tan anunciada recuperación económica non se está a trasladar ás familias nin á clase traballadora.
“Detrás das cifras do paro hai persoas e o que nos trasladan é que a pesar de que nos proclaman unha saída da crise esta non chegou a milleiros de cidadáns e seguimos tendo unha realidade social moi preocupante. O que estamos vendo é que, a pesar de que hai máis riqueza que antes da crise, temos menos emprego e medran as desigualdades o que significa que a crise consolida un modelo da precariedade, un modelo no que os galegos as galegas saímos perdendo”, argumentou Ana Pontón desde Narón, onde realizou unha visita á sede da Cooperativa de consumidores e crédito do Val.
Ademais da realidade de traballadores e traballadoras pobres, Pontón advertiu sobre o feito “de que sigue a haber unha emigración e unha precariedade moi fortes”, polo que instou ao Goberno de Feixóo a cambiar o rumbo. “Estamos nun momento no de parar a pensar porque as cousas non van ben, no que se necesitan novas ideas, un novo modelo produtivo e poñer toda a riqueza do país ao servizo da creación de emprego e penso que nesta materia o Goberno galego ten unha débeda con todos os galegos e as galegas”.