A portavoz nacional, Ana Pontón, advertiu que os orzamentos de 2025 confirman o desinterese do Goberno do PP por reverter a crítica situación na que se atopa o galego e avanzou que, por contra, o BNG propón triplicar os fondos destinados ao apoio á lingua, coma unha das medidas a desenvolver para “darlle mil primaveras máis” ao idioma.
En vésperas da manifestación en defensa da lingua, convocada pola plataforma Queremos Galego para este domingo, 17 de novembro, a portavoz nacional continúa coa rolda de contactos con distintas institucións e axentes sociais do País para abordar a situación do idioma logo do último e demoledor informe do IGE.
Nesta liña, hoxe mantivo un encontro coa comisión executiva do Consello da Cultura Galega, encabezada pola súa presidenta, Rosario Álvarez, á que trasladou as propostas do BNG para reverter a grave situación da lingua, froito de “15 anos de políticas do Partido Popular en contra do idioma”, recalcou, que tivo “a súa máxima expresión no decreto da vergoña”.
Pontón considerou que aínda estamos “nun momento no que a situación é reversible” e debullou as propostas do Bloque para darlle futuro ao galego, a comezar pola aprobación dun “novo decreto que regule o idioma no ámbito do ensino”, un decreto que permita cumprir o que di a propia Lei de Normalización Lingüística e que é que todos os nenos e nenas saian da etapa educativa obrigatoria tendo plena competencia lingüística en galego e en español, algo que na primeira lingua, advertiu, “hoxe non se cumpre”.
Neste sentido, criticou os “efectos demoledores” que tivo o decreto da vergoña, que está provocando que o idioma sexa unha “lingua relegada” no sistema educativo e que está “rompendo a transmisión xeracional”, tal e como demostra o feito de que só 0 7% dos nenos e nenas falan galego, a metade que hai cinco anos.
“Se seguimos nesta progresión, dentro de cinco anos teremos unha situación dramática”, advertiu, para insistir que é posible recuperar a vitalidade da lingua, tamén entre a poboación infantil e xuvenil, “se realmente hai un cambio de rumbo na política lingüística” do Executivo presidido por Alfonso Rueda.
Por iso, e ademais de derrogar o decreto da vergoña, avogou por recuperar o consenso arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no Parlamento. “Queremos que se revalide ese compromiso cos obxectivos e liñas de actuación que están previstas nese plan e que no prazo de dous meses se pacte un cronograma e os recursos suficientes para poder levalo adiante”, afondou.
A líder nacionalista indicou que, dada a situación límite na que se atopa a lingua, “o mínimo sería que nos orzamentos de 2025 se triplicaran os fondos destinados á política lingüística”, tendo en conta ademais que a Secretaría Xeral de Normalización Lingüística ten hoxe un 45% menos de recursos que tiña en 2009.
“Polo tanto, é imprescindible que haxa un maior apoio en todo o que ten que ver co noso idioma para poder implementar políticas que nos permitan reverter unha situación tan crítica”, sintetizou, logo dunha reunión na que tamén participaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a deputada Mercedes Queixas e o deputado Daniel Castro.
Por último, tamén apelou ao papel dos medios públicos á hora de favorecer a socialización de nenos e nenas en lingua galega, función que “non están cumprindo” na actualidade. “É necesario que se retiren os retrocesos que se queren introducir, como esa nova lei que regula os medios públicos e que non só quere atornillar o control político da CRTVG, senón que tamén quere evitar que siga sendo unha televisión en galego”, denunciou.
A preguntas dos medios, a portavoz nacional confirmou que, dende a primeira reunión convocada pola Xunta na procura dun pacto pola lingua, o BNG non volveu recibir ningunha notificación ao respecto, pese a que dende a Consellería de Cultura e Lingua se indicara que habería unha nova convocatoria de reunión en 15 días.
“Creo que xa pasaron tres semanas e non temos ningunha noticia nin ningunha información da consellería”, explicou, para evidenciar que “parece que non lles ten moita présa abordar este asunto”.
Por contra, Pontón indicou que, para o BNG, a situación do galego é unha “situación crítica”, pero que é reversible porque hai unha base importante sobre a que traballar para construír un futuro moi esperanzador en torno á lingua. “Iso require cambiar as políticas lingüísticas, pero vemos que parece que non é esa a liña na que está traballando de momento a consellería”, concluíu.