A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a pregunta de control ao presidente da Xunta para abordar a crise do sector industrial, que ten ás empresas electrointensivas con centos de postos de traballo en xogo pola falta dun marco enerxético estable a polo espolio da produción eléctrica de Galiza.
Neste contexto, levou ao Parlamento a situación de Ferroatlántica e de ALCOA, con solucións concretas para ambas. No primeiro caso, instou ao xefe do Executivo a garantir o cumprimento da lei evitando a segregación entre a produción industrial e a hidroeléctrica, tal como pretende Villar Mir. No caso da fábrica da Coruña propón que a Xunta lidere a adquisición pública de ALCOA se finalizado o prazo de compra este 30 de xuño non hai unha solución que garanta o futuro da factoría.
Feixóo eludiu responder a estas propostas enrocado na súa estratexia de culpar ao Goberno do Estado, agora que o PP está na oposición, sen descartar un pelotazo na planta de Cee e evitando calquera compromiso de futuro para a factoría coruñesa.
“É de traca que tendo competencias exclusivas en industria veña aquí a lavarse as mans como Poncio Pilatos. Senón é capaz de dar solución aos problemas do país, vaiase para a casa, fágalle un favor aos galegos e as galegas e a industria deste país”, reclamou Pontón, tras insistir na “man tendida” do BNG para buscar solucións de futuro porque “hai moito en xogo”.
No caso de Ferroatlántica Pontón lembrou a vinculación do empresario co financiamento ilegal do PP, e pediu unha resposta clara que non chegou: “vai permitir a fraude de lei que pretende Vilar Mir? A resposta é moi doada e deixe de escorrer o vulto, quere dar un pelotazo cunha operación fraudulenta, vaillo permitir si ou non? Porque a decisión depende de vostede como presidente da Xunta e non di nada”, denunciou.
E, en relación a ALCOA, tamén fixo unha pregunta directa que Feixóo deixou sen contestar: “que vai facer como presidente se o día 30 de xuño non hai comprador, que vai facer, botar pestes contra Madrid, que resposta lle vai dar aos traballadores de ALCOA? O BNG proponlle que lidere a adquisición pública desta fábrica na Coruña se non hai solución cando expire o prazo dado pola multinacional propiedade da factoría”, salientou.
Unha adquisición pública na que tamén debe participar o Estado e que permitiría traballar, pasada a data do ultimato, nunha alternativa de futuro que garanta a produción e o emprego, cun marco eléctrico estable e no que Galiza poda beneficiarse de ser produtora neta de electricidade.
Dentro da crise do sector industrial, Pontón tamén demandou de Feixóo que forme parte da solución ao despido de 112 traballadores en POLIGAL e que lidere o traslado de ENCE fora da ría de Pontevedra, máxime despois de ter perdido o plebiscito en que o PP converteu as eleccións do 26M na cidade do Lérez, “ou será responsable da perda de empregos no sector forestal. Que volva o Feixóo de 2009 que dicía en plena crise que era posible o traslado de ENCE”, alegou.
Pontón tamén ironizou sobre a proposta de Feixóo de trasladar aos pactos municipais a solución para as industrias electrointensivas. “Anda desesperado lazándolle pactos ao PSOE en Ourense, sacrifique a Baltar se cree que desa maneira hai unha solución para ALCOA”, replicou. De momento, concluíu, en relación a crise das empresas electrointensivas “estamos ante o mesmo de sempre, o PP con Feixóo á cabeza e o PSOE con Sánchez á cabeza enganando @s traballador@s e traizoando os intereses deste país”, concluíu.