A parlamentaria propuxo mobilizar 620 millóns de euros para facer realidade un Plan real de emprego, financiar a Universidade, garantir a vivenda, dotar de recursos á dependencia, frear os recortes en sanidade e impulsar a Cultura e lingua galega
Na xornada da tarde do Debate de Orzamentos, a viceportavoz do BNG, Ana Pontón acusou ao Goberno galego de tentar convertelo en puro trámite e nun exercicio de menosprezo dos problemas e sufrimentos de miles de persoas.
Pontón iniciou a súa intervención cualificando de indecentes ás palabras da conselleira de Facenda por asegurou que en Galiza hai pouca emigración a respecto do Estado. Vostedes, dixo, só viven preocupados dos titulares de prensa e de substituír a realidade pola propaganda e mentira.
O BNG mobiliza 650 millóns de euros das diferentes consellerías para saír da crise
A deputada que defendeu as emendas globais os Orzamentos para o 2015 propuxo mobilizar 620 millóns de euros para crear emprego, loitar contra os desafiuzamentos, frear os recortes en Sanidade e Educación e potenciar a Cultura e uso do idioma galego.
Para a parlamentaria, o Goberno vive instalado na soberbia mentres a xente padece as consecuencias dunha política inxusta e suicida co saqueo de fondos públicos e privatización que dan acubillo a prácticas de corrupción que, por outra banda, remarcou, seguen sen ser explicadas neste Parlamento.
A austeridade non serve para saír da crise, máis ben é a causante de que se prolonguen e incrementen as desigualdades, manifestou.
Ana Pontón culpabilizou o Goberno de Feijóo da morte lenta e dolorosa de Galiza como demostra, explicou, a realidade de ser un dos lugares do mundo con máis persoas envellecidas, onde morrendo máis galegas das que nacen, coa taxa de actividade máis baixa do Estado, con 100.000 f obrigando a 100.000 persoas a emigrar, e a ter os salarios máis baixos. Esta é unha pequena radiografía, dixo, do desastre provocado por un modelo económico baseado na austeridade.
Sen embargo, asegurou que esta realidade pode mudar se o Goberno asume os tres principios da emenda do BNG: Que pague máis quen máis ten, defender os servizos públicos e poñer Galiza a producir para crear emprego de calidade.
Na emenda, tamén defendemos modificar os tributos e crear outros novos que permitan recadar 275 millóns de euros cun novo tramo do IRPF ás rendas superiores a 100.000 euros, modificando a tarifa no imposto sobre Patrimonio, gravar os depósitos bancarios cun tipo do 0,3% sobre grandes empresas contaminantes e grandes superficies comercias.
Xerar emprego activando a economía
Dende o BNG priorizamos o emprego e que cesen os recortes nos servizos públicos apostando polo sector naval con 8 millóns de euros para o centro de reparación, 42 millóns para I+d e 50 para o Plan de Emprego dirixido sobre todo a sectores vulnerábeis.
Mar e Medio Rural
Propoñemos destinar 50 millóns de euros a un Plan de Industrialización e transformación do sector lácteo con iniciativas de emprego no medio rural e recuperar os bancos marisqueiros e de pesca, así como far cobertura nas perdas por mal tempo.
Sanidade
Defender os dereitos e servizos públicos con 117 millóns de euros para Sanidade co fin de reducir as listas de espera, rescatar da privatización o hospital de Vigo, contratar persoal sanitario e mellorar a Atención Primaria.
Educación.
Emendas por valor de 80 Millóns de euros para reforzar o financiamento universitario, contratar máis profesores e impulsar o acceso a unha educación pública e gratuíta.
Cultura e lingua galega
38 millóns de euros para salvagardar o patrimonio, defender a lingua e industria cultural, remarcou Pontón que abondou en reclamar a aplicación do Plan Xeral de Normalización Lingüística, políticas, dixo, que teñen a ver coa nosa dignidade e creación de emprego.
Benestar
A deputada reiterou a necesidade de rescatar os servizos públicos e destinar recursos a un Plan de Emerxencia. Loitar contra a pobreza e situacións de exclusión ademais de recuperar o poder adquisitivo para empregad@s públic@s e defender o dereito á vivenda atendendo ás persoas desafiuzadas por non pagar o aluguer.
A nacionalista rematou asegurando que as propostas do BNG son realistas e buscan mudar a situación actual. Os Orzamentos hoxe presentados na Cámara galega, concluíu, son máis do mesmo e resulta cruel, inxusto e inútil que sexan sempre os de abaixo os que paguen a crise.
O PP anunciou o seu voto contrario ás liñas políticas esgrimidas nas emendas presentadas pola oposición os Orzamentos para o ano 2015.