Ana Pontón pide a Feixóo adoptar medidas máis contundentes “para salvar vidas”

Ana Pontón, que reitera a colaboración do BNG contra a pandemia, propón un plan de choque para as residencias de maiores, pechar os territorios máis afectados e parar toda a actividade económica non esencial

“O mellor monumento ás vítimas é unha sanidade pública forte e libre de recortes”, salienta. No plano económico: “evitar que a crise volva pagala a maioría social”

A portavoz nacional, Ana Pontón, reiterou no Parlamento a total colaboración do BNG co Goberno galego na loita contra o coronavirus pero instou ao presidente da Xunta a adoptar medidas contundentes pero que son claves para salvar vidas: reclamar o peche dos territorios que teñen un gran foco do virus e reclamar a total paralización de toda a actividade económica non esencial.

“O BNG está a disposición do Goberno da Xunta e, sobre todo, está a disposición dos galegos e das galegas para sumar en todo o que sexa necesario para saír da crise, sen escatimar esforzos nin colaboración leal”, salientou Pontón, “pero a lealdade non é un cheque en branco, non consiste en mirar para outro lado ante decisións que consideramos erróneas por parte do Goberno do Estado ou por parte da Xunta cando o que está en xogo é a saúde das persoas”.

“Por iso non podemos deixar de dicir que é un error non pechar os territorios con maior foco de coronavirus e que actuaron como expansión da pandemia, e non podemos deixar de dicir que é un erro non parar toda a actividade económica que non sexa esencial. Non permitamos que nin unha soa persoa poida contraer o virus facendo unha actividade económica que non é imprescindible”, explicou.

Desde esa colaboración e man tendida, o BNG remitiu ao Executivo de Feixóo un detallado documento de propostas con obxectivo de salvar vidas e minimizar os efectos económicos con cinco medidas urxentes: “pechar aqueles territorios que son un foco de infección, blindar Galiza por terra, mar e aire; realizar test masivos entre a poboación, en particular en residencias e colectivos de risco, garantir as medidas de seguridade dotando do material necesario ao persoal sanitario e a todos os traballadores e traballadoras dos servizos esenciais e parar toda a actividade que non é imprescindible”.

“Son medidas avaladas pola OMS e que aínda se poden adoptar, saiamos deste Parlamento cun gran acordo de todos os grupos para reforzar as medidas de contención que xa se ensaiaron con éxito noutros países”, recalcou.

Pontón salientou que a Xunta non soubo anticiparse e foi especialmente crítica ante a incapacidade para subministrar material sanitario básico, para tomar medidas de urxencia ante a situación crítica nas residencias da terceira idade e coa falta de liderado de Feixóo para protexer Galiza de contaxios doutros territorios.

Neste sentido, interpelou ao xefe do Executivo polas 500.000 máscaras supostamente dispoñibles, como anunciou, mentres o persoal de risco non dispoñía desta protección, por que non se demandou o peche dos principais focos de contaxio e que se blindase Galiza, ou que mentres o persoal das residencias facía un traballo mesmo poñendo en risco a súa saúde a Xunta non tivese reaccionado até a denuncia pública dunha situación extrema.

Comparecencia no Parlamento

A líder nacionalista salientou que da crise vanse sacar moitas ensinanzas, entre elas a de valorar a sanidade pública. “Onte o seu xefe, o señor Casado, propoñía levantar en Madrid un monumento ás vítimas. No BNG pensamos que non hai mellor monumento que un sistema público de saúde potente, con todos os medios e libre de recortes. Ese é o monumento que temos que levantar”, proclamou, avanzando que cando a crise estea totalmente superada a formación nacionalista vai pedir a reapertura da comisión de investigación da sanidade, “para escoitar a todo o persoal que hoxe está facendo fronte á pandemia”.

Pontón tamén pediu a Feixóo unha comparecencia semanal no Parlamento para dar conta da situación, “non pode limitarse a saír en primetime na TVG, ten que dar explicacións na sede da soberanía nacional”, indicou.

Cobrar a débeda á banca

No aspecto económico o enfoque do BNG para superar os efectos “devastadores” na economía e no emprego parte dunha premisa: “impedir que esta crise a paguen os de sempre, as maiorías sociais”. “A maioría dos galegos e galegas non lles da medo ter que quedar na casa senón o que van atopar ao saír da casa, o que lles quita o sono é saber se van poder seguir pagando a súa casa”, indicou, para pedir que non se repita o que pasou na crise financeira na que se optou por rescatar á banca con 60.000 M€ mentres se abandonaba ás persoas.

Mesa económica e social

“Este é o momento de cobrar esa débeda a favor da maioría, moitos particulares están condonando o pago de alugueiros aos seus inquilinos, porque non está sobre a mesa a esixencia de condonar cando menos tres meses de hipoteca a toda as persoas afectadas pola crise”, reclamou. Neste sentido, propuxo poñer en marcha unha Mesa Económica e Social “onde nos sentemos goberno, partidos políticos, sindicatos e patronal para ver xuntos como encarar o futuro”.

Pontón rematou a súa intervención reiterando todo o apoio, solidariedade, orgullo e agradecemento ás milleiras de persoas que están nan primeira liña nesta crise, destacando o papel das mulleres en traballos precarizados pero fundamentais, o afecto coas persoas que perderon algún ser querido sen case poder despedirse e ao conxunto do pobo galego “que se solidariza, que colabora, que estende a man para prestar axuda, que demostra coraxe e civismo”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG