Parlamento Europeo

Ana Miranda trasládalle o problema da instalación de Altri en Galiza ao presidente do Consello Europeo, Antonio Costa

Ana Miranda saúda Antonio Costa
Ana Miranda saúda Antonio Costa

A eurodeputada do Bloque tamén demandou que Galiza sexa incluída nas Redes Transeuropeas de Transporte

No pleno do Parlamento Europeo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, trasladou ao presidente do Consello Europeo, Antonio Costa, diversas cuestións relevantes para Galiza, como as nefastas consecuencias da instalación de Altri en Palas de Rei, a importancia de que Galiza sexa incluída nas Redes Transeuropeas de Transporte, e asuntos sociais como a vivenda, “que é unha das maiores preocupacións do noso pobo”. Ademais, denunciou a hipocrisía da Unión Europea a respecto do xenocidio en Gaza.

“Altri Non. Trasladeille esta idea ao portugués Antonio Costa, un proxecto que coñece ben porque antes estaba en Portugal e de alí botárono e nós non queremos que este proxecto veña a Galiza”, explica a eurodeputada galega a respecto da súa intervención na sesión plenaria que se está celebrando en Estrasburgo.

Deste xeito, a intervención de Ana Miranda enmárcase na ofensiva que a eurodeputada galega está levando a cabo nas institucións europeas contra a instalación de Altri en Palas de Rei de forma simultánea á contestación social que está recibindo este proxecto en Galiza.

Ofensiva nas institucións europeas

Así, esta ofensiva nas institucións europeas comezou o ano pasado en Bruxelas co encontro celebrado na Comisión Europea entre unha delegación galega e representantes da CE, en concreto do Grupo Operativo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e a Unidade de Cumprimento da Normativa Medioambiental.

Esta ofensiva continúa coa entrega á Vicepresidenta executiva da Comisión Europea para unha Transición limpa, xusta e competitiva, Teresa Ribera, dunha carta na que solicita unha reunión cos colectivos que se opoñen á instalación da macrocelulosa, así como un informe que explica polo miúdo as consecuencias deste proxecto da empresa Greenfiber. Entre as repercusións negativas desta planta destacan especialmente a utilización da auga por parte de Altri tanto do río Ulla como do encoro de Portodemouros, o consumo de 1,2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano, e a afectación da Rede Natura e de zonas de especial protección nas que existen especies endémicas.

A respecto do consumo da auga serán un total de 46 millóns de litros de auga ao día dos que serán vertidos 30 millóns de litros contaminados ao río Ulla, a unha temperatura de entre 27º e 29º, que afectaría non só á flora e fauna da zona, senón de forma moi grave ás zonas pesqueiras e marisqueiras da ría de Arousa.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG