Parlamento Europeo

Ana Miranda: “O traballo continuo do BNG fai que o saneamento integral da ría do Burgo estea preto de ser unha realidade”

Ría do Burgo
Ría do Burgo (arquivo)
A portavoz do Bloque en Europa insta a PP e PSOE aclarar as axudas ao marisqueo cando se inicie a dragaxe

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, salienta o traballo continuado da formación nacionalista desde hai máis de 15 anos e en todas as administracións, xunto aos colectivos sociais, como factor chave no saneamento da ría do Burgo. “As reunións con mariscadores e Confraría de Pescadores da Coruña, as visitas por parte de delegacións da Eurocámara para comprobar o estado da ría e as diversas iniciativas presentadas nos parlamentos parece que van dar os seus froitos”, apunta.

Neste sentido, Ana Miranda lembra que, a instancias do Bloque na Eurocámara, dúas delegacións internacionais visitaron a ría do Burgo –concretamente en 2013 e en 2019-, comprobando in situ a existencia de lodos contaminantes durante anos. Asemade, na Comisión de Peticións interviñeron representantes dos colectivos afectados, -en xaneiro de 2019-, para expoñer neste foro europeo as súas demandas, que teñen repercusións non só laborais, senón tamén medioambientais e sociais, xa que a contaminación provocou que de 2.000 mariscadoras e mariscadores en activo haxa actualmente menos de cen persoas realizando actividades extractivas.

“Que o saneamento da ría conte cun 80% de fondos europeos, chegando aproximadamente esta aportación aos 36 millóns de euros, danos a idea da importancia que se lle dá en Europa á calidade da auga”, sinala a portavoz do BNG en Europa, quen ademais subliña que o BNG mantén o seu firme compromiso para acadar o cumprimento da Directiva Marco da Auga en toda Galiza, tanto nas rías como nos ríos. Precisamente este tema foi obxecto dunha xornada de traballo organizada pola formación nacionalista na Eurocámara, que contou con representantes de diversos colectivos sociais que impulsan a mellora da calidade das augas.

Próximas iniciativas

“Agardo que PP e PSOE non provoquen, co seu desleixo, novos atrasos no saneamento da ría”, manifesta Ana Miranda, unha vez que o DOG publicou onte a orde na que fai constar o seu compromiso de suspender os plans de explotación marisqueira da ría cando comece o dragado. “En todo caso, no BNG estaremos vixiantes para que as administracións teñan en conta as demandas do sector marisqueiro a respecto das axudas”, salienta, en referencia as iniciativas que o Bloque vai presentar tanto no eido municipal como nos parlamentos galego e estatal.

Ana Miranda, asemade, expresa o compromiso do BNG de “vixiar que os fondos son executados correctamente, pese a que para a Xunta a tramitación administrativa foi longa e engorrosa”, en referencia ás palabras vertidas onte por parte da conselleira de Mar a respecto do proceso. “Se desde as administracións tomaran en serio este proxecto desde o principio o saneamento hai tempo que tiña que estar rematado”, conclúe a portavoz do Bloque na Eurocámara.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG