Parlamento Europeo

Ana Miranda: “A sentencia do Alvia dá a razón ao BNG de que a liña inaugurouse sen ter feito o control de riscos da liña”

Concentración accidente Angrois
Concentración accidente Angrois

Pese a condena ao ex xefe de Seguridade de ADIF, o BNG considera que “politicamente hai unha débeda coas vítimas do accidente por parte de PSOE e PP”

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, considera que a sentenza correspondente ao accidente do Alvia -acontecido na curva da Grandeira hai 11 anos- e que condena ao ex xefe de Seguridade de ADIF, Andrés Cortabitarte, e ao maquinista do tren, Francisco José Garzón, a dous anos e medio de prisión respectivamente, dá a razón ao Bloque en dous aspectos contemplados nas denuncias presentadas por Miranda na Comisión Europea e que motivaron a apertura dun procedemento de infracción contra o Estado español en 2019 por incumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria.

Así, Miranda, en nome da Executiva Nacional do BNG, salienta que a sentenza da a razón ao Bloque cando denunciou que a liña se inaugurara sen ter feito o control de riscos e que a responsabilidade do accidente non só podía recaer no maquinista e que os fallos na seguridade tamén tiveron unha implicación directa en que se producira o sinistro, que tivo como consecuencia un total de 81 persoas falecidas e ducias de feridas.

Precisamente Ana Miranda presentou dúas denuncias, en 2016 e 2017, contra o Estado Español (Goberno, Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Ferrocarrís, ADIF e Renfe Operadora). Por un lado, o BNG denunciaba ao Estado por infracción da normativa comunitaria en materia de seguridade ferroviaria, en canto a falta de avaliación de riscos da liña 082 pola que circulaba o tren Alvia, e se denunciaba ao Estado por non facer a avaliación de riscos, en relación co seu control integral e en relación cos cambios substanciais na seguridade ferroviaria que se fixeron no proxecto da Liña Ourense-Santiago, tren Alvia de Viaxeiros de Longa Distancia 150/151 de Renfe Operadora, composto de 13 vehículos e nas condicións de posta en marcha de sistemas de seguridade do “proxecto na Bifurcación A Grandeira” e no longo da liña en especial no sistema de seguridade.

Investigación independente

Por outro lado, o Bloque denunciaba o incumprimento dos artigos 19.4, 21.1, 21.2 e 22.3 da Directiva 20004/49 do Parlamento e do Consello Europeos sobre seguridade ferroviaria, por considerar que non existiu unha investigación independente, polo feito de que non se deu audiencia ás vítimas e por centrarse nun suposto fallo humano ignorando calquera outra causa do sinistro. De feito a propia Axencia Ferroviaria Europea (ERA) entregou no 2016 á Asociación de Vítimas do Alvia 04155 e ao BNG o informe que cuestionaba a independencia da investigación realizada pola CIAF e sinalaba que non abordaba os elementos clave do accidente. Ademais, en resposta ás preguntas presentadas por Ana Miranda á Comisión Europea, esta sigue considerando que é responsabilidade do Estado Membro realizar unha investigación independente.

Responsabilidades políticas

Por outro lado, a eurodeputada nacionalista salienta que na sentenza é fundamental a condena ao Estado na figura do ex responsable de Seguridade de ADIF, aínda que considera que as responsabilidades políticas reais están sen ser dirimidas. “Politicamente hai unha débeda que as vítimas, que debería recaer no ex ministro do PSOE José Blanco e a ex ministra do PP Ana Pastor”, sinala Miranda.

A eurodeputada galega tamén sinala que o Bloque seguirá defendendo a realización dunha investigación independente “tal e como demandaba Bruxelas” e que a propia Comisión Europea considera que é o propio Estado Membro quen debe garantir que se realice. Por o outro lado, Ana Miranda expresa a total solidariedade do Bloque coas vítimas, que contaron co apoio do BNG desde o primeiro momento do accidente e viaxaron en diversas ocasións a Bruxelas para dar a coñecer os fallos de seguridade ferroviaria nas institucións europeas.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG