A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participou esta tarde na avaliación ao futuro Comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, ao que lle trasladou as preocupacións e reivindicacións do sector pesqueiro e marisqueiro galego. “¿Sabe Comisario cantos barcos se despezaron en 20 anos por decisión europea? 1.200”, sinalou neste sentido.
“Como eurodeputada galega, pídolle que a súa primeira visita sexa ao meu País, Galiza, primeira nación pesqueira de Europa”, manifestou a eurodeputada galega na súa intervención ao tempo que amosaba unha nasa, arte de pesca coa que se captura “o polbo, as nécoras e outras especies e se reducen os descartes”, explicou.
Ao respecto salientou que a nasa é precisamente o “salvavidas de moitas familias na costa galega” xa que a pesca e o marisqueo e toda a cadena extractiva, comercial e transformadora, “está en perigo” debido a diferentes causas, entre os que destacou que os TAC’s e cotas discriminan a frota galega, así como a contaminación mariña e a falta de saneamento das Rías galegas, a ameaza da eólica mariña en zonas pesqueiras, “e uns gobernos, o galego e o español, aos que lles importa pouco a nosa pesca”.
Discriminación socioeconómica
Ana Miranda salientou que para Galiza a pesca é prioritaria, xa que un total de 120.000 persoas viven de forma directa ou indirecta da pesca, pero que Europa está “alonxada dos portos, das lonxas e as confrarías, con burocracia e normativas que non teñen en conta a vida real dos nosos mariñeiros, armadores, mariscadoras e redeiras”, polo que a o futuro Comisario preguntou como vai ter en conta a dimensión social e abordar a discriminación socioeconómica de nacións altamente dependentes da pesca como Galiza.
Ademais da comparecencia do futuro Comisario de Pesca, hoxe Ana Miranda tamén participou na audición da candidata á Comisaria de Preparación, Xestión de Crises e Igualdade, Hadja Lahbib, na que salientou a importancia do traballo na UNWRA para a supervivencia do pobo palestino. A eurodeputada do Bloque participou así mesmo na comparecencia do candidato a Comisario de Asociacións Internacionais, Josef Sikela, na que expresou a posición do BNG contra as industrias extractivas e defendeu o respecto aos pobos indíxenas.