A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu no Parlamento Europeo a igualdade de tratamento entre o Corredor Atlántico e o Mediterráneo, que ao seu xuízo implica un aumento dos investimentos no Corredor Atlántico. “Deben ser tratados como dous proxectos estratéxicos complementarios do Estado español nas redes transeuropeas de transporte. Tentar eliminar un en detrimento só implica defender a discriminación dos territorios, neste caso do Noroeste Peninsular”, sinalou na Eurocámara.
Na súa intervención, Ana Miranda salientou que loitar contra o despoboamento, fortalecer a economía do noroeste peninsular e mellorar as infraestruturas son algunhas das medidas defendidas desde hai anos para Galiza por parte do Bloque. Ao respecto, Ana Miranda considerou que precisamente estes son algúns dos efectos que tería a inclusión de Galiza no Corredor Atlántico.
Ao respecto, a eurodeputada nacionalista apuntou que non se trata só dunha reivindicación de Galiza, senón que tamén é unha demanda de Castela León e o Norte de Portugal, que igualmente consideran o Corredor Atlántico como unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento dos territorios.
Controversias estériles
Miranda tamén fixo unha breve referencia á polémica sobre a compatibilidade entre o Corredor Atlántico e o Mediterráneo, e subliñou que “debemos evitar confundir e manipular con controversias estériles”. Pola contra, defendeu que a presión e a defensa do Corredor Atlántico non é incompatible co Corredor Mediterráneo e viceversa.