parlamento europeo

Ana Miranda reclama na Eurocámara medidas eficaces para loitar contra a seca

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada do BNG defende axudas públicas para paliar as consecuencias da seca nos sectores produtivos galegos

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu na Eurocámara a necesidade de poñer en marcha medidas para loitar contra a seca, xa que segundo explicou, en Galiza, “no país dos mil ríos tamén fai falta auga” e neste sentido salientou que respecto da rede de abastecemento “fan falta infraestruturas de almacenamento do excedente das chuvias”.

Para o BNG é necesaria a construción de infraestruturas que permitan a recollida da auga así como sistemas de rego que contribúan ao aforro da auga, tendo en conta que as secas son cada vez máis frecuentes. Ana Miranda lembra que estas secas e os cambios nos ciclos da auga xa provocaron en Galiza importantes perdas económicas derivadas do aumento dos custes de produción.

“Lamentamos que o goberno galego non tomou ningunha medida para paliar esta situación nos nosos sectores produtivos”, denuncia a eurodeputada nacionalista, quen sinala que o Bloque no Parlamento Galego xa demandou ao Executivo do PP que facilitase compensacións polas consecuencias da seca e as pragas derivadas do estrés hídrico dos vexetais.

O Bloque considera que a auga é un ben público e o seu dereito, un dereito humano, e como tal debe ser xestionado. “A súa xestión a longo prazo e o seu uso racional deben ser unha prioridade para os Estados da UE”, manifesta Ana Miranda ao fío do debate que tivo lugar esta mañá na sesión plenaria de Estrasburgo sobre a crise da auga en Europa.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG