A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, fixo este venres un percorrido pola Costa da Morte, no que visitou á nai do patrón dunha embarcación da pesca do cerco o pasado 20 de decembro en Malpica de Bergantiños tras unhas correntes de auga que se forman na porta de entrada e saída da dársena que fixeron volcar o barco. “É imprescindible que se poñan en marcha as medidas adecuadas para evitar que se volvan producir situacións tan tráxicas como esta, nunha zona de tráfico continuo de embarcacións”, afirma Miranda.
A eurodeputada galega considera que a mellora das condicións de seguridade marítima e, xunto ao saneamento da auga, dous dos problemas fundamentais que afectan á Costa da Morte. Neste sentido, en Cee visitou a praia da Concha, pechada ao baño desde hai máis de vinte anos debido á contaminación. “Non podemos permitir que esta situación de contaminación se manteña”, manifestou Miranda, quen lembrou a participación do concelleiro do BNG Serxio Domínguez na conferencia en Bruxelas sobre o saneamento da auga o pasado 21 de marzo, na que explicou as causas da contaminación desta zona.
“É unha prioridade consignar orzamento para a limpeza desta praia e o saneamento da ría”, subliñou a eurodeputada do Bloque, quen considera que a calidade da auga é un factor fundamental non só desde o punto de vista medioambiental, senón tamén tendo en conta a dependencia que teñen as vilas pesqueiras do mar.
Debate sobre pesca
Ana Miranda continúa a axenda de traballo na Costa da Morte na tarde, coa xuntanza prevista na Confraría de Camelle así como a participación nunha mesa redonda sobre a pesca e a sustentabilidade organizada polo IES Plurilingüe Pedra da Aguia, Escola Embaixadora do Parlamento Europeo, para falar do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, aprobado onte na sesión plenaria da Eurocámara.