A eurodeputada do BNG e candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, asegurou hoxe en Monforte que a presenza do Bloque en Bruxelas é a garantía para que en Europa se fale dos sectores produtivos galegos e en concreto dos referidos ás comarcas do sur de Lugo. “Se en Europa se falan destes temas é porque o BNG está”, manifestou.
Neste sentido, na súa intervención a eurodeputada galega lembrou a xornada organizada polo Bloque en Bruxelas “O sur de Lugo tamén existe”, na que se deu voz aos problemas que sofre o sur da provincia lucense, como as consecuencias da mala xestión do PP dos fondos para a produción ecolóxica, a viticultura, o despoboamento, a carencia de infraestruturas e o illamento tecnolóxico.
“Este é un claro exemplo de que Galiza precisa dunha voz propia para que os seus problemas cheguen ás instancias europeas. E temos que sentirnos moi orgullosas de que isto sexa así”, destacou a eurodeputada nacionalista no acto público no que tamén interviñeron o deputado do Bloque no Parlamento galego, Iago Suárez; a responsable comarcal, Rosana Prieto; e o concelleiro nacionalista en Monforte, Emilio Sánchez.
Medio ambiente
Ademais das cuestións directamente relacionadas cos problemas existentes no sur de Lugo, Ana Miranda explicou que nas institucións europeas se falaron de outros temas de gran relevancia para Galiza grazas ao BNG. Así, entre os asuntos tratados en Europa mencionou a instalación de Altri que o PP quere acometer en Palas de Reis, -”un atentado ecolóxico inadmisible e que ten consecuencias tamén nos nosos ríos”-, as terribles consecuencias que teñen os megaproxectos eólicos no medio ambiente e nos sectores produtivos ou os problemas no sector pesqueiro e agrogandeiro.
“No BNG defendemos unha Galiza viva e con futuro. Queremos usar os inmensos recursos que temos no noso territorio para crear riqueza e emprego a partir deles. Queremos industrializar Galiza e ter un país vivo, dinámico e economicamente produtivo, no que a xente non se vexa obrigada a emigrar”, destacou a candidata nacionalista, quen expresou o seu compromiso a seguir dando voz en Europa aos problemas dos galegos e galegas para buscar solucións ás demandas que realicen.