A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, presentou hoxe unha pregunta á Comisión Europea para trasladarlle a negativa da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) de realizar unha investigación independente para esclarecer o accidente ferroviario acontecido na curva de Angrois o 24 de xullo de 2013, pese aos requirimentos da CE para levara a cabo.
“Queremos saber se a Comisión coñece este feito tan grave e se van instar, de novo, á CIAF, a realizar unha investigación independente”, explica a eurodeputada galega, quen denuncia que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios “nunca tivo o máis mínimo interese en investigar as causas últimas do accidente do Alvia”.
Precisamente en 2016 a Axencia Ferroviaria Europea emitiu un informe no que sinalaba que a investigación realizada pola CIAF en 2014 non foi independente nin abordaba os elementos clave do accidente. Ademais, lembra que en 2017, a Dirección Xeral de Mobilidade e Transportes instaba á CIAF a levar a cabo una investigación independente e que en 2019 a Comisión Europea abriu procedemento de infracción contra o Estado español por incumprimento das obrigas de seguridade ferroviaria sobre a avaliación específica do control de riscos.
Procedemento de infracción
Para abordar estas cuestións, Ana Miranda solicitou unha nova reunión coa Comisaria de Mobilidade e Transportes, Adina Valean, a quen lle transmitirá as dúbidas sobre os avances no cumprimento por parte do Estado Español dos requirimentos sinalados no procedemento de infracción.
“Queremos saber que avances se teñen dado na mellora da seguridade ferroviaria”, manifestou a eurodeputada do Bloque, quen traslada todo o seu apoio ás vítimas do accidente, aglutinadas na súa maioría na Plataforma Víctimas Alvia 04155, na súas reclamacións de verdade e xustiza.
Por outro lado, Ana Miranda presentou outra pregunta sobre as manobras realizadas polo goberno do PP de Mariano Rajoy en 2016 para que a UE non revelase ou rebaixase as súas críticas á investigación da CIAF. Ao respecto, a eurodeputada nacionalista pregunta á Comisión se coñece que a que era ministra de Fomento en 2013, Ana Pastor, advertiu á comisaria de Transportes nese momento, Violeta Bulc, de "medidas" se facía público un informe crítico con España e que o ministro de Exteriores, José Manuel García-Margallo, púxose en contacto co que era entón presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, neste mesmo sentido.