Ana Miranda pide o veto para o acordo pesqueiro con Mauritania

O BNG defendeu esta tarde na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo que se vete o actual acordo de pesca asinado entre a UE e Mauritania e pediu a "inmediata" renegociación do mesmo para incluír á frota cefalopodeira galega, -24 barcos a maioría con base en Marín-, cuxa "arbitraria e inxusta" exclusión implica a perda 400 empregos directos.

"Ten que pagar a frota cefalopodeira galega as consecuencias dun mal acordo con Mauritania?", interpelou a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda durante o debate na Eurocámara.

Miranda argumentou que un acordo, por definición, "ten que beneficiar as dúas partes que o subscriben, non só ao país africano senón tamén á frota galega como parte integrante da frota europea. Con este acordo, Mauritania recibe un beneficio de 67 millóns de euros e a frota cefalopodeira do meus país queda expulsada e recibe cero euros de beneficio".

Insistiu en que, "obviamente", a UE ten que promover acordos de pesca xustos cos terceiros países, en particular cos países en vías de desenvolvemento, pero alertou que o convenio subscrito o pasado mes de xullo "non beneficia precisamente ao sector pesqueiro artesanal deste país, senón a grandes buques conxeladores que teñen bandeira mauritana pero que en realidade son grandes conxeladores arrastreiros de outros Estados", denunciou.

O propio representante da Comisión Europea admitiu durante o debate que eses buques que si están capturando polbo e luras nas augas do país africano son barcos mauritanos "sobre o papel".

A eurodeputada recalcou que "non debemos, de ningunha maneira, proceder á aprobación ou autorización provisional do acordo, porque iso suporá dar luz verde aos pagos a Mauritania por algo que o sector rexeita. Non podemos imporlle ao sector un acordo que non quere e que exclúe a todo un segmento de frota, e tanto o Consello Europeo a través dos responsables de pesca, como a Eurocámara, debemos votar en contra da ratificacións deste acordo", concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG