Co obxectivo de verificar a transparencia do conxunto do proceso electoral en Colombia, a coordinadora de Relacións Internacionais da Executiva do BNG, Ana Miranda, participa na Misión de Observación Electoral do Grupo Interparlamentario pola Paz en Colombia, convidado polo Consello Nacional Electoral (CNE).
Nunha situación electoral chea de riscos e cunha situación de aumento da violencia nos últimos 12 anos e desprazamentos forzados nos dous últimos anos, o 29 de maio celébrase a primeira volta do proceso electoral de Colombia, que se completará o 19 de xuño coa segunda volta. Entre estes riscos figura o feito de que a opción da fórmula electoral do Pacto Histórico encabezada por Gustavo Petro como candidato a presidente e Francia Márquez como candidata a presidenta, sufriron ameazas de morte que impediron que puideran facer campaña no eixo cafeteiro do Cauca e numerosos ataques racistas e de odio durante a campaña electoral.
Ademais destes riscos de violencia contra políticos ou representantes de colectivos sociais e defensores de dereitos humanos durante o proceso electoral, a misión de observación internacional da que forma parte Ana Miranda en representación do BNG ten por obxectivo garantir que non exista o tráfico de votos, así como evitar as inxerencias institucionais no proceso.
O Bloque, que forma parte dos grupos de amizade con Colombia no Congreso e no Parlamento Europeo, participa nesta Misión de Observación Electoral, integrada por observadores internacionais acreditados polo Consello Nacional Electoral (CNE), entre eles 13 parlamentares e membros de 11 organizacións políticas do Estado.
Irregularidades no proceso anterior
Como eurodeputada Ana Miranda xa participou na misión de observación en maio de 2018 como parte dunha delegación de observación do Parlamento Europeo das eleccións presidenciais de Colombia. Nese momento foron unhas eleccións de gran transcendencia, xa que tiveron lugar nun contexto de “post-conflito”, tras a firma dos Acordos de Paz entre as FARC-EP e o Goberno de Colombia en novembro de 2016.
Precisamente polos erros e irregularidades detectadas xa daquela continuaron nas eleccións lexislativas pasadas, -denunciadas por organizacións como a Misión de Observación Electoral” (MOE), como as grandes diferencias entre preconteo e escrutinio, o deseño de formularios ou nos sistemas de información ao votante-, varias institucións defenderon a necesidade de realizar unha auditoría internacional a todo o proceso e especificamente ao software utilizado nas súas diferentes etapas, do que se cuestionaba a súa transparencia e idoneidade.