Ana Miranda: “É de máxima relevancia a comparecencia do xefe de Seguridade da Axencia Ferroviaria da UE no xuízo do Alvia”

Ana Miranda reunión ERA (2017)
Ana Miranda reunión ERA (2017)
BNG reclama unha investigación independente do accidente, tal e como pide a Comisión Europea

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, considera de máxima relevancia a comparecencia este xoves do xefe de Seguridade da Axencia Ferroviaria Europea-ERA, Christopher Carr, no xuízo que sobre o accidente do Alvia se está celebrando en Compostela. “A ERA foi a única entidade pública que apoiou a busca da verdade sobre as causas do sinistro”, manifesta Miranda, en referencia ao informe da ERA publicado en xullo de 2016.

“O informe do que Christopher Carr é autor, -publicado despois da demanda feita polo BNG e a Asociación de Vítimas do tren en Bruxelas- subliñaba que a análise realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) non era independente e non analizaba as causas profundas do accidente”, lembra a eurodeputada do Bloque, quen critica ademais que a propia ministra de Fomento nesa lexislatura, Ana Pastor, manobrou para impedir a publicación dese informe da ERA.

Por outro lado, a eurodeputada nacionalista lembra que o xefe de Seguridade da Axencia Ferroviaria da UE tamén compareceu na Comisión de Investigación celebrada no Congreso en novembro de 2018, sesión á que Miranda foi vetada por PP e PSOE, pese a ser ela a denunciante na Comisión Europea e quen lle suxeriu ao Presidente da Comisión de investigación no Congreso a comparecencia do técnico da ERA.

“En todas as reunión que tivemos coa Axencia Ferroviaria Europea, sempre insistiron na necesidade de realizar unha investigación independente do accidente de Angrois, tal e como tamén sinala o procedemento de infracción aberto en 2019 contra pola Comisión Europea contra o Estado español por incumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria despois da nosa denuncia. Lamentablemente, varios anos despois, seguimos agardando por esa investigación independente”, explica a eurodeputada do Bloque.

Trato inhumano ás vítimas

Para Ana Miranda, “coñecer a verdade do accidente do Alvia é a mellor forma de dar apoio ás vítimas, que levan máis de 9 anos agardando respostas”. Ao seu xuízo, “estas respostas, máis alá do que pase no xuízo, só están chegando desde Europa, onde se recibiu ás vítimas antes que os ministros responsables do Ministerio de Fomento, quen lamentablemente sempre tiveron un trato coas vítimas inhumano”. Segundo manifesta a eurodeputada nacionalista, o Ministerio de Fomento, ADIF e RENFE só están preocupados por culpabilizar ao maquinista en lugar de ir ás causas profundas do accidente -como suxería o Informe da Axencia sobre o accidente do Alvia, causas como a falla de control de riscos.

“Por estas razóns a comparecencia do representante técnico da ERA é tan importante, porque estou segura que vai desmontar a versión que avala ADIF e o Estado, que se amparan en culpabilizar o erro humano en lugar de ir á falla de avaliación de riscos previa ao accidente e a falla de medidas de seguridade ferroviaria”, salienta Miranda, quen apunta que a apertura do procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea en 2019 é “o exemplo máis claro! de que o control estivo mal feito e que hai unhas responsabilidades políticas e técnicas que aínda non teñen responsables.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG