Denunciar o desastre medioambiental que supón para Galiza a macrocelulosa proxectada por Altri na localidade de Palas de Rei é un dos obxectivos das xornadas de traballo organizadas pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, a vindeira semana no Parlamento e na Comisión Europeas. “Non podemos tolerar que un proxecto que destruirá a biodiversidade e os sectores produtivos de varias comarcas perciba fondos europeos para a súa instalación”, subliña a eurodeputada galega.
Nas xornadas, que se celebrarán os vindeiros 15 e 16 de abril, participará unha delegación integrada por representantes de diferentes colectivos medioambientais, así como representantes institucionais dos concellos afectados polo proxecto de Altri. O propio día 15 manterán un encontro con Ana Miranda, á que na súa calidade de vicepresidenta da Comisión de Peticións lle presentarán unha denuncia que recolle todos os incumprimentos da macrocelulosa.
Xa o día 16, martes, a delegación desenvolverá diversas reunións na Comisión Europea, -coordinadas pola propia Ana Miranda-, nas que se abordarán eses incumprimentos desde as diferentes perspectivas que presenta a macrofábrica: o elevado consumo de agua e a repercusión na súa calidade, a dependencia da madeira de eucalipto e a perda de biodiversidade, entre outras.
Ofensiva do BNG
No marco da ofensiva que o Bloque está desenvolvendo contra a instalación desta macrocelulosa, a eurodeputada galega xa presentou dúas preguntas dirixidas á Comisión Europea sobre os incumprimentos das normativas comunitarias deste proxecto. Nunha delas, Miranda apunta o posible incumprimento do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852 e sinala que a construción deste complexo está supeditado á recepción de axudas públicas dos fondos Next Generation, a través dos PERTE, que xa foi rexeitado en 2023 da convocatoria do PERTE de descarbonización industrial por incumprir a normativa europea, pero la compañía sigue optando a próximas convocatorias destes fondos de recuperación europeos.
Por outra banda, a eurodeputada nacionalista presentou outra pregunta á Comisión Europea na que indica que a falta de ampliación da Rede Natura é utilizada polo goberno galego para posibilitar a instalacións do proxecto da empresa Greeenfiber, en concreto a macrocelulosa nunha das lindes do ZEC ES11/0014 na Serra do Careón. Neste sentido Ana Miranda considera que a Rede Natura hai anos que debería ter sido ampliada e ao non facelo o Goberno galego do Partido Popular vulnera as advertencias formuladas pola Comisión Europea desde 2011. Ao respecto, a eurodeputada nacionalista reitera que debido “ao desleixo do goberno galego do PP, a Rede Natura é unha das máis baixas non só de todo o Estado, senón do conxunto da Unión Europea”, ao contar só cun 11,74% de superficie protexida.