A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, salienta a gran importancia que ten para Galiza que a Comisión de Medio Ambiente acepte as propostas presentadas polo Bloque para que os pelets sexan considerados como substancias contaminantes e se melloren as condicións do seu transporte. Esta consideración súmase á decisión de incluír os vertidos de pelets e as perdas de contedores na Directiva sobre a contaminación procedente de buques, que modifica o Convenio Internacional para a Prevención da Contaminación polos Buques (MARPOL 73/78) da Organización Marítima Internacional (OMI).
Coa presentación das diferentes iniciativas tanto na Comisión de Medio Ambiente como na de Transporte, o BNG amosa a súa preocupación por mellorar a protección da costa galega. “No BNG estivemos na primeira liña cando o portacontedores Toconao sufriu a perda de millóns de pelets, e tamén no terreo”, explica Ana Miranda, quen lembra o traballo de apoio desenvolvido coa alcaldesa de Muros, María Lago, quen se desprazou a Estrasburgo, para reunirse co comisario de Pesca, Virginius Sinkevicius, para analizar as repercusións do vertido.
A eurodeputada do Bloque lembra tamén a carta remitida á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, a presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, e ao presidente do Consello Europea, Charles Michel, denunciando a contaminación da costa galega causada por este vertido de millóns pelets. Esta misiva foi asinada por un total de 70 eurodeputadas e eurodeputados pertencentes a cinco grupos políticos da Eurocámara diferentes e procedentes de 24 nacións e Estados Membros europeos. O documento, ademais de denunciar a contaminación causada polos microplásticos tamén cuestiona a xestión realizada polo goberno galego do Partido Popular.
Réxime de sancións axeitado
“Agora toca a parte lexislativa que implique que un vertido destas características nunca máis se volva producir e que haxa sancións”, subliña Ana Miranda, quen sinala ao respecto que a modificación do Convenio Internacional para a Prevención da Contaminación polos Buques (MARPOL 73/78) da OMI obriga a UE a revisar en 5 anos se se inclúen os derrames de pelets como obxecto de sancións.
Neste sentido, un obxectivo fundamental desta Directiva sobre a contaminación procedente de buques consiste en garantir o cumprimento por parte dos Estados Membros (tanto como Estados reitores do porto como Estados do pavillón) das disposicións do Convenio MARPOL 73/78, ao que todos os Estados Membros están obrigados como asinantes, así como o estabelecemento dun réxime de sancións axeitado garantindo que a empresa operadora sexa o principal suxeito responsable en caso dun incidente de contaminación.