A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou hoxe na súa intervención no pleno do Parlamento Europeo e nunha pregunta oral presentada polos membros da Comisión de Petición da Eurocámara, que un 26,8% das persoas con emprego no Estado Español ten un contrato temporal, a taxa máis alta da Unión Europea, cuxa media está situada no 14,5%, segundo os datos facilitados recentemente por Eurostat, mentres que en Galiza é dous puntos superior.
Para a eurodeputada nacionalista esta grave situación configura unha nova realidade social e una “nova categoría de traballadores e traballadoras”, xa que “ter traballo agora significa ser pobre” e a precariedade e a temporalidade é a tónica dominante nos contratos de traballo. Nese sentido, Ana Miranda fixo un chamamento a participar activamente na folga xeral do vindeiro 19 de xuño para reclamar a protección dos dereitos laborais das traballadoras e traballadores e para loitar contra a precariedade laboral que implica precariedade vital.
Ademais, no Estado Español esta precariedade reflíctese especialmente na mocidade, onde tres de catro mozos ou mozas empregados conta cun contrato temporal, en concreto o 73,3%, por diante de Eslovenia (71,6%), Polonia (68,2%), Portugal (65,9%), Italia (61,9%), Croacia (60,8 %) e Francia (58%). No caso da Galiza, agrávase e por riba ten consecuencias, que diante desta situación de baixísimas condicións laborais, a emigración sexa a opción para poder sobrevivir.
Precisamente o BNG presentou diversas emendas na Comisión de Peticións denunciando a precariedade laboral, en especial nos contratos temporais, instando a que non se permitan abusos nos contratos laborais e que a protección que ofrezan sexa semellante ao do resto de contratos. Outra das emendas fai referencia as terribles consecuencias que ten a precariedade laboral na vida das persoas, causando a diminución da calidade de vida.