A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, cualifica de “escándalo” as manobras do PP e a exministra popular Ana Pastor no ano 2016 para tentar ocultar o informe emitido pola UE crítico coa investigación realizada no Estado Español. “Estas manobras amosan unha absoluta falta de respecto ás vítimas deste accidente”, manifesta.
“É impresentable que mentres o BNG e as vítimas reclamabamos á Comisión Europea que presentara o informe que tiña elaborado, Ana Pastor, ministra de Fomento naquel momento, presionaba á Comisaria de Transportes para que non o fixera público”, sinala a eurodeputada nacionalista, quen agradece o traballo dos medios de comunicación pola súa incansable busca da verdade neste terrible accidente, no que faleceron 81 persoas.
Por outro lado, Ana Miranda lembra que tras a presentación do informe, o BNG colabora coas vítimas para que posteriormente puidesen presentar dúas denuncias na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e así que a súa voz fose escoitada en Europa. “Fronte a lamentable actuación da exministra, comprométome a seguir traballando e empregando todos os recursos que existen nas institucións europeas para que a verdade e a xustiza vexan a luz”, subliña.
Resultados auditoría
Así, sinala que o Bloque está a espera dos resultados da auditoría anunciada en xullo deste mesmo ano polo director xeral de Mobilidade, Kristian Schmidt, (nun encontro cunha delegación da Plataforma das Vítimas e coa propia Ana Miranda) para comprobar o grao de cumprimento de procedemento de infracción aberto en xaneiro de 2019 pola Comisión Europea contra o Estado español por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria a raíz da denuncia presentada polo BNG.