A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, denuncia que o baleirado dos encoros por parte das compañías eléctricas Energy e Iberdrola vulnera a Directiva Marco da Auga da UE, ao permitir que por exemplo os de Cenza e Portas –na provincia de Ourense- queden nun 15% da súa capacidade habitual, cando o habitual é que sexa dun 50% e dun 75%, respectivamente.
“Non podemos permitir que no país se vulneren sistematicamente as directivas comunitarias medioambientais e o goberno galego siga sen facer nada, botando balóns fóra”, subliña Ana Miranda, quen considera que ademais de sancións para as compañías eléctricas responsables dese baleirado é necesaria a apertura dunha comisión de investigación sobre as consecuencias e as responsabilidades do baleirado, así como que esas empresas corrixan a situación e incrementen a cantidade da auga dos encoros afectados.
Segundo a portavoz do BNG en Europa, o baleirado dos encoros galegos é un exemplo “moi claro” do espolio e o roubo que sofre Galiza, onde as grandes empresas hidroeléctricas “fan o que lles peta para engrosar a súa conta de beneficios sen ningún organismo público que lles faga fronte, mentres o prezo da luz experimenta subidas sen parar”. “Esta é a definición de país colonizado”, engade.
Para o Bloque resulta inadmisible a inacción da Xunta de Galiza e o Goberno central fronte a estafa diaria que padece a cidadanía, ao igual que resulta inadmisible que a Xunta coñecera previamente a intención de Iberdrola de baleirar os encoros. Ademais, Ana Miranda critica que ese baleirado ten unhas consecuencias directas sobre a vida da veciñanza das comarcas, posto que ademais de danar o medio ambiente afecta ás diversas actividades económicas da zona, como a pesca, o turismo ou os deportes acuáticos.
Cambio do sistema de fixación do prezo
Por outro lado, o BNG considera indispensable cambiar o sistema de fixación do prezo da enerxía eléctrica, pasando a depender dos custos recoñecidos a cada tecnoloxía. Nesta liña, critica que haxa días nos que a enerxía hidráulica marque o prezo máximo do megavatio en moitas franxas do día, sendo vendida a 118,99 € megavatio/hora, pese a que a súa produción ronda os tres euros.
“Non pode ser que as empresas eléctricas continúan beneficiándose dos recursos naturais de Galiza e cometendo un atentado ecolóxico tras outro, incumprindo normativas europeas, coa complicidade da Xunta e do Goberno central mentres a cidadanía sofre unha estafa diaria”, recalcou.