A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu hoxe na sesión plenaria do Parlamento Europeo que se está celebrando en Estrasburgo que o acceso á auga e o seu saneamento sexan considerados pola Unión Europea como un dereito fundamental. Debido a exclusión desta consideración no informe “Quality of water intended for human consumption“ defendido polo eurodeputado Michel Dantin, a eurodeputada nacionalista abstívose na votación correspondente. A proposta, que saíu adiante con 300 votos a favor, 98 en contra e 274 abstencións, si reduce a presencia de certos contaminantes como o chumbo.
“O recoñecemento deste dereito ten unha importancia estratéxica para Galiza, en tanto que da calidade das nosas augas depende unha boa parte dos nosos sectores produtivos, ben sexan a pesca e o marisqueo ou o turismo sostible e por iso considerabamos imprescindible a súa inclusión”, salienta a eurodeputada nacionalista, quen lembra que xa reclamou a revisión do informe sobre o estado das rías da que foi promotora na Comisión de Peticións no ano 2013.
Precisamente Ana Miranda foi elixida pola Asemblea Europarlamentaria Euro-Latinoamericana (EuroLat) que se celebrou en setembro como co-relatora –xunto a deputada arxentina Julia Perié- dun informe sobre a auga que abrangue desde a necesidade de facer efectivo o dereito á auga como dereito humano até ás críticas pola deficiente calidade da auga, a súa xestión e saneamento.
É a primeira vez que a lexislación europea ten en conta durante o proceso de revisión as demandas da Iniciativa Cidadá Europea polo Dereito Humano á Auga (ECI, Right2water). Este dereito, como explica a eurodeputada do Bloque, xa foi recoñecido pola ONU, tanto en resolucións da Asemblea Xeral (2010, 2013, 2015) como polo Consello de Dereitos Humanos e o Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais.
“Deste xeito garantiríase o acceso á auga de 2 millóns de persoas que en Europa non o teñen”, afirma Miranda, quen defende asemade a necesidade de impulsar unha estratexia para acadar o acceso universal, xa que no resto do mundo hai 800 millóns de persoas sen acceso á auga e 2.000 millóns sen acceso ao saneamento.
Participación cidadá
Para o BNG resulta imprescindible que a UE esixa aos gobernos que garanten e proporcionen servizos de auga potable e saneamento de auga convenientes e que estes servizos sexan excluídos das normas comerciais do mercado interior. Ao respecto Ana Miranda defende o aumento de investimento público para garantir o acceso a este servizo.
Co obxectivo de dar a coñecer estas propostas, a eurodeputada nacionalista mantén xuntanzas cos colectivos e asociacións ambientais afectadas pola construción de encoros e megaminería contaminante. ”A participación cidadá na xestión da auga é imprescindible para dar coñecer a realidade do noso país e dar resposta ás necesidades ambientais e sociais”, considera.