parlamento europeo

Ana Miranda defende na Eurocámara mellorar o acceso aos medicamentos en igualdade para todos os doentes

Ana Miranda ASARGA
Ana Miranda ASARGA
A eurodeputada galega mantivo un encontro con representantes de ASARGA, a asociación que aglutina ás persoas afectadas polo sarcoma

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, no debate da Eurocámara sobre o denominado “Paquete farmacéutico” defendeu mellorar o acceso aos medicamentos en igualdade de condicións en todos os Estados Membros, así como que sexan accesibles e impulsar a investigación de novos medicamentos para enfermidades raras e os distintos tipos de cancros.

“Non hai doentes de primeira nin de segunda, e a saúde e a vida destas persoas non poden depender de decisións de mercado das empresas farmacéuticas”, manifestou a eurodeputada galega, quen mantivo un encontro con representantes de ASARGA, a asociación que agrupa as persoas e as familias afectadas polo sarcoma (un tipo de cancro pouco frecuente) durante o cal lles transmitiu o apoio do Bloque ás súas demandas de garantir o acceso aos medicamentos e potenciar a investigación.

Na reunión coas representantes de ASARGA, Ana Miranda explicou que a Comisión Europea presentou a revisión do paquete farmacéutico en abril do ano pasado, -que modificará as normativas farmacéuticas vixentes desde hai dúas décadas-, co obxectivo de garantir un acceso equitativo a medicamentos seguros e eficaces na Unión Europea. “Un aspecto importante é que a nova normativa garanta que o lugar de residencia non determine o acceso a tratamentos médicos”, subliña a eurodeputada do Bloque.

Lexislación ambiciosa

Ana Miranda destaca que a lexislación debe ser “o máis ambiciosa posible” para evitar a falta de acceso a medicamentos xa aprobados pola Axencia Europea do Medicamento (EMA), sobre todo nos casos que teñen un alto prezo. Neste sentido, o número de medicamentos aprobados pola EMA e dispoñibles nos diferentes países da UE varía considerablemente, desde máis de 100 en Alemaña, Austria e Dinamarca, ata tan só 11 en Letonia, 16 en Lituania e 17 en Croacia.

“Para o noso país é fundamental mellorar o acceso aos medicamentos, xa que a incidencia de cancro en Galiza é das máis altas do Estado”, salienta a eurodeputada do BNG, lembrando que en 2022 foron diagnosticados uns 20.000 casos, cifra que significa a quinta de maior prevalencia do Estado.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG