Ana Miranda critica que o Comisario de Pesca ignore as demandas da frota artesanal galega

Ana Miranda
Ana Miranda
BNG denuncia que o sector “non está para meter datos nas ‘tablets’ senón para botar os aparellos e pescar”

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, manifesta o seu desacordo coas declaracións do Comisario de Pesca da UE, Virginijus Sinkevicius, nas que defende o aumento de controis da pesca artesanal, polo que o acusa de ignorar a condicións de traballo e as demandas da frota artesanal galega. “Está claro que o seu paso por Vigo non significa que lle interese a situación do sector pesqueiro galego”, critica Miranda.

BNG ten manifestado en reiteradas ocasións a súa defensa da exclusión da pesca artesanal galega dun incremento dos controis, recollidos no novo Regulamento de Control da Pesca da UE, que refiren, por exemplo, á obriga de declarar telematicamente as súas capturas antes de entrar a porto e de instalar cámaras a bordo en embarcacións de menos de doce metros de eslora para controlar a obriga do desembarque das capturas. “O sector non está para meter datos en ‘tablets’, senón para botar os aparellos e pescar”, comenta.

Segundo Ana Miranda, este novo regulamento, que comezou a súa tramitación en 2018, ignora por completo a realidade da frota galega, de baixura e artesanal, o cal só terá como consecuencia o desmantelamento do sector pesqueiro galego e a perda de postos de traballo. “Galiza é unha nación pesqueira e xa é hora de que os gobernos galego e estatal defendan fronte a Bruxelas que o sector pesqueiro é un elemento fundamental na nosa economía”.

Reparto xusto de cotas

Por outro lado, a portavoz do Bloque en Europa tamén criticou a “débil resposta da UE” ao conflito que afecta á frota bacallaeira en augas de Svalvard, en Noruega, dada a ameaza de apresar os barcos que incumpran a cota establecida unilateralmente por este país escandinavo. Miranda referiuse tamén ao reparto unilateral das cotas de xarda por parte de Islandia, Feroe e Groenlandia, que pretenden o aumento das capturas de xarda.

“O noso sector pesqueiro atravesa unha situación complicada e non podemos consentir que Galiza saia prexudicada por decisións unilaterais de catro países fronte ao desleixo da UE, que non garante o reparto xusto das cotas”, manifesta a portavoz do BNG en Europa, quen defende que a UE aplique o Principio de Reciprocidade, como forma de acadar o desenvolvemento de relacións de mutua confianza e obrigas recíprocas a longo prazo. Ademais, o BNG alerta de que a imposición da proposta de Bruxelas na que pretende que as embarcacións pesqueiras empecen a tributar polo gasóleo a partir de 2023 conta coa oposición unánime do sector e o Bloque vai seguir insistindo nos Parlamentos con diversas iniciativas.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG