A eurodeputada do BNG e candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, destacou hoxe no Porriño que seguirá dando voz aos intereses de Galiza, e en concreto aos desta comarca, desde os problemas de transporte de bus e tren como das conexións con Portugal, así como os problemas medioambientais ou a especulación urbanística.
“Co noso traballo aspiramos a mellorar a vida das persoas para atopar solucións, para reducir as desigualdades, para combater a discriminación, para facer e deixar un mundo mellor!! E tamén para defender os intereses do Pobo galego fronte aos lobis que buscan espoliar os nosos recursos e que os fondos europeos non se malgasten, como está facendo o PP”, destacou a candidata galega, quen participou no acto xunto a concelleira en Mos, Sara Sanmartín; o concelleiro no Porriño, Marcelo Rodríguez; e o portavoz municipal en Mos, Gustavo Barcia.
Ana Miranda avanzou ademais que desde o Bloque “seguiremos a defender diante das institucións europeas o fomento do transporte público na conexión por estrada e ferrocarril entre Galiza e o Norte de Portugal, con especial atención á creación da liña de tren de alta velocidade entre Vigo e o Porto”. Neste sentido indicou que precisamente grazas ao BNG en Bruxelas falouse dos problemas do transporte de bus e de tren, do Corredor Atlántico así como da AP9, “para acadar que sexa libre e gratuíta”, salientou.
A eurodeputada galega subliñou que o Bloque defende un novo modelo de urbanismo, afastado da especulación e no que é fundamental solucionar os problemas de vivenda. “Loitamos contra os problemas de vivenda que sufre a mocidade, pero non só a mocidade, hai que dicilo. Porque hai vivendas baleiras mentres hai xente sen vivenda. E ao Partido Popular non lle preocupa solucionar os problemas deste país”, remarcou.
Denuncia da contaminación
Igualmente, avanzou que o Bloque continuará a denunciar nas institucións europeas os graves problemas ecolóxicos que se producen no noso país, “como viñemos facendo nos últimos anos na Eurocámara coa megaminaría contaminante, os incendios, a eucaliptización, a contaminación das nosas rías e ríos, os megraproxectos eólicos, a contaminación mariña ao longo da costa galega e a falla de activación dos protocolos anticontaminación”.
Ana Miranda asegurou que seguirá dando voz aos galegas e galegas e manifestou o seu orgullo do traballo realizado como eurodeputada desde o seu compromiso co país, que se traduciu en trasladar ás institución europeas “as problemáticas e demandas dos nosos sectores produtivos. Se estiveron presentes no Parlamento Europeo todos estes temas e enfoques que son relevantes para o país foi grazas ao nós, ao BNG”.