Europeas 2024

Ana Miranda comprométese a defender en Europa o dereito da xente do mar a seguir vivindo da pesca e o marisqueo

Acto Vilagarcía de Arousa
Acto Vilagarcía de Arousa

Pontón destaca que o escano galego servirá para frear que se subvencione con fondos europeos a desfeita que ALTRI suporía para a Ría de Arousa

A cabeza de lista da candidatura nacionalista ás eleccións europeas, Ana Miranda, comprometeuse en Vilagarcía a seguir defendendo en Bruxelas, tal e como fixo ao longo dos últimos anos, os intereses dos sectores produtivos galegos e o dereito da xente do mar a seguir vivindo da pesca e o marisqueo.

Nun mitin xunto á portavoz nacional, Ana Pontón, Miranda reafirmou o seu compromiso para seguir sendo a “voz galega en Europa” que defenda ante a Unión Europea os intereses dos galegos e das galegas e “o dereito a vivir e a producir na propia terra”, un dereito no que interfiren permanentemente as decisións tomadas nas institucións comunitarias “e que contaron cos avais dos distintos gobernos estatais”.

A candidata nacionalista recordou o labor desenvolvido ao longo dos últimos anos en defensa do País e dos seus sectores produtivos, como o da pesca e o marisqueo cuxos problemas -“causados en boa medida pola política pesqueira da UE sen que o Goberno do PP fixera nada”, recalcou- foron levados ás institucións europeas grazas ao BNG.

Acto Vilagarcía de Arousa
Acto Vilagarcía de Arousa

Como tamén foi grazas ao Bloque, engadiu, que en Europa se falara das “terribles consecuencias dos parques eólicos, tanto mariños como terrestres”, dos problemas de saneamento, da necesidade de rexenerar as rías galegas ou das “terribles repercusións de Altri”.

“Todos eles tiveron voz en Bruxelas grazas ao noso traballo e despois do 9 de xuño todas estas causas seguirán tendo voz en Europa”, comprometeu logo de lembrar que as decisións que se toman na Unión Europea afectan directamente na vida dos galegos e das galegas.

Miranda reprobou as políticas que teñen como consecuencia un grave descenso da poboación, unha forte emigración xuvenil ou unha capacidade produtiva fortemente reducida”, polo que apostou por ter unha voz forte en Bruxelas que contribúa a impulsar políticas pensadas “para pór o País a producir”.

Ademais, avogou por construír un modelo de Europa diferente, unha Europa dos pobos e das persoas, dos dereitos sociais e da xustiza social e que aposte polo respecto e pola paz nas relacións internacionais. “Queremos unha Europa que poña freo á extrema dereita que quere quitarnos os dereitos acadados e unha Europa que non sexa cómplice no xenocidio de Gaza”, afondou.

Acto Vilagarcía de Arousa
Acto Vilagarcía de Arousa

Así pois, a candidata nacionalista animou a unha gran mobilización o próximo 9 de xuño para que o escano galego da man do BNG continúe defendendo con máis forza os intereses dos galegos e das galegas pero tamén os sectores públicos e unha Europa democrática e antifascista.

Pola súa parte, Pontón defendeu o dereito de Galiza a decidir en Europa “con voz e voto” sobre todos aqueles asuntos que lle afectan directamente, como é o caso da pesca, que exemplifica o “moito que se xoga” Galiza nas eleccións europeas e de como as decisións que se toman en Bruxelas afectan ás posibilidades de desenvolvemento económico do País.

A líder nacionalista defendeu a condición de Galiza como nación pesqueira na que a xente do mar non pide axudas nin subvencións para desguazar barcos, “pide vivir do seu traballo como leva facendo xeración tras xeración”, recalcou.

Neste sentido, recordou que en Europa se decide dende canto pode pescar a frota galega, ata o ancho e longo dos seus barcos, pasando por un reparto de cotas inxusto ou por tentar eliminar as redes do xeito sen saber que son precisamente as máis sostibles. “E non o conseguiron porque alí estaba Ana Miranda defendendo a pesa galega, dándolle voz aos mariñeiros, ás redeiras e a todo o sector”, recordou para poñer en valor o traballo desenvolvido polo BNG na defensa dos intereses galegos na Eurocámara.

Así, Pontón reafirmou o compromiso do Bloque para seguir defendendo os intereses do País nas institución comunitarias e afirmou que o escano galego servirá para frear que se subvencione con fondos europeos “a desfeita” que a macrocelulosa de ALTRI suporía para a Ría de Arousa, da que viven 4.000 familias.  

“En 2013 loitamos en Europa para frear a macromina de Corcoesto e no 2024 estamos loitando para frear a bomba ambiental da macrocelulosa de ALTRI que o PP quere colocar no corazón deste País”, engadiu para recalcar que o escano do BNG “é o que marca a diferenza” na defensa de Galiza, pero tamén na defensa doutro modelo de Europa, unha Europa dos Pobos, social e pacifista”.

Por iso, concluíu recalcando a importancia de ter unha voz propia en Europa, a do “escano galego da man do BNG” xa que é “o equipo da casa” e o único que vai dar a cara en Bruxelas como sempre fixo e como seguirá facendo aínda con máis forza a partir do 9 de xuño.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG