Ana Miranda: “Que a Comisión decida manter abertas as denuncias da mina de Touro é unha vitoria colectiva”

Plataforma Mina de Touro Non
Plataforma Mina de Touro Non
O BNG solicitará o acceso ás instalacións para que poidan ser visitadas pola vicepresidenta da Comisión de Peticións

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, expresou a súa satisfacción por que as tres denuncias presentadas hoxe na Comisión de Peticións permanezan abertas co apoio da maioría dos grupos políticos con representación na Comisión. “É moi importante que catro grupos parlamentares apoiaran que estas tres peticións quedaran abertas, recollendo o berro unánime do país na defensa dun xeito de vida na pesca, na agricultura e no marisqueo, pola defensa do medio ambiente e da saúde”, salientou a portavoz do BNG en Europa ao finalizar a sesión.

Ana Miranda felicitou ademais as tres persoas peticionarias que compareceron na Comisión, Luis Gallardo, Pilar Sampedro e Iria Ares, integrantes da rede Contraminación, entre as que se atopan a Plataforma veciñal Mina de Touro – O Pino NON, Cova Crea e Petón do Lobo. Nas súas intervencións expuxeron as consecuencias negativas do proxecto de reapertura da mina de cobre a ceo aberto que actualmente tramita a empresa Cobre San Rafael, así como a falta de transparencia por parte da Xunta de Galicia no procedemento.

A portavoz do Bloque no Parlamento Europeo avanzou que solicitará xa permiso para entrar nas instalacións da mina para que tamén as poida visitar a eurodeputada letoa Tatjana Znoka, vicepresidenta da Comisión de Peticións da Eurocámara, quen mostrou o seu interese en coñecer de primeira man a situación da mina. Esta será unha visita previa á misión oficial do Parlamento Europea que, en caso de ser aceptada, tardará varios meses en ser programada (Fact Finding Visit). Esta visita de investigación foi defendida nas súas intervencións tanto por Znoka como polas eurodeputadas Magrette Auken e Diana Ribas.

“No BNG temos un firme compromiso coa paralización deste proxecto, xa que estamos ante un problema sistémico en Galiza, e é fundamental que os problemas de contaminación que se producen pola megaminería se escoiten en Europa”, subliñou a portavoz do BNG en Europa.

Incumprimento de directivas europeas

Miranda criticou que as peticións fosen tachadas de “superficiais e prematuras” por parte do grupo popular. “A Xunta ten moi bo recadeiros en Bruxelas, que se limitan a ler os textos que lles envían sen contrastalos e sen querer falar cos peticionarios”, manifestou ao respecto, subliñando que o proxecto incumpre tres directivas europeas: a Directiva Marco da Auga, debido ao impacto na ría e ríos adxacentes; a Directiva de Información Ambiental, porque no se tivo o acceso a todos os informes; e a Directiva de Tratamento dos Residuos. 

“É unha petición de vello con moito fundamento”, defendeu. Por outra parte, explicou que agora a Comisión de Peticións ten que dirixirse á Comisión Europea para que lle pida toda a información aos gobernos galegos e español por estar afectadas varias directivas. “Sobre todo vaille esixir a implementación das directivas polo que en cinco ou seis meses as peticións poden voltar á Comisión”, indicou.

Valoracións

Por parte da Plataforma contra a Mina de Touro, Isabel García, valorou moi positivamente que distintos grupos políticos deran o seu apoio para que as peticións queden abertas, “o cal nos da alento para continuar”. Neste sentido manifestouse o peticionario Luis Gallardo, en representación da Asociación Cova Crea, e o integrante da Plataforma contra a Mina de Touro, Adrián Riadigos, quen agradeceu asemade o traballo de Ana Miranda para convencer que os representantes dos diferentes grupos políticos respaldasen que as denuncias sobre a contaminación da megaminería queden abertas.

Precisamente a peticionaria Pilar Sampedro, mariscadora da ría de Arousa subliñou a importancia de que se teñan en conta as consecuencias económicas do proxecto nos sectores produtivos e na destrución de emprego, tal e como explicou durante a súa intervención na Comisión. “As administracións teñen claro a quen serven, e non é nin á cidadanía nis ás normas medioambientais da Unión Europea”, dixo. “A cidadanía desta zona de Touro somos de segunda ou de terceira na Unión Europea?”, preguntouse pola súa banda a peticionaria Iria Ares amosando unha botella de auga tinguida de vermello, e pedindo que as institucións comunitarias tomen nota da situación e tomen as medidas oportunas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG