A eurodeputada do BNG en Europa, Ana Miranda, critica a ineficacia da Xunta ao non gastar a totalidade dos fondos estruturais (FEDER, FSE, FEADER) tendo dez anos para facelo e pola contra deixe sen executar case mil millóns de euros. “É unha auténtica irresponsabilidade por parte do goberno do Partido Popular que Galiza non teña executados o 100% dos fondos”, denuncia Ana Miranda.
“Estamos a un mes para que se produza a fin do prazo para a execución deses fondos europeos, uns investimentos públicos que serían moi beneficiosos para as cidadáns de Galiza, e que servirían para cubrir moitas necesidades e para o apoio ao rural”, manifesta a eurodeputada do Bloque, quen sinala a banda ancha, os problemas de transporte ou o saneamento incompleto como exemplos das carencias que existen en Galiza ás que se lle poderían dar solución con eses cartos.
Ana Miranda apunta que non é a primeira vez que o goberno galego deixa fondos europeos sen gastar nin a primeira vez que o BNG o denuncia, de forma que o que acontece agora con Rueda xa pasaba con Feijóo. “No pasado período foron 1.400 millóns de euros os que a Xunta non executou”, lembra ao tempo que sinala que o grao de execución está “moi por debaixo da media europea”, pese aos 10 anos que o goberno galego tivo para planificar, autorizar e executar estes cartos.
No marco do programa operativo Galiza do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a data do 30 de xuño de 2023, só un 76% dos recursos tiñan sido executados. Cifra similar à do programa de Desenvolvemento rural do Fundo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), mentres que ao longo destes 10 anos apenas 68% do Fundo Social Europeo (FSE) ten sido executado na Galiza. Pola contra, na Unión Europea, a execución media dos fondos FEDER es del 86%, do FEADER un 79%, e do FSE un 80%.
Falta de transparencia
Por outro lado, Miranda denuncia falta de transparencia e discriminación dos concellos gobernados polo Bloque. Neste sentido, indica que as présas por executar os cartos no último mes de prazo pode levar a unha execución de forma indebida e insiste na necesidade de mellorar os indicadores de seguimento do uso deses fondos e cumprir a recomendación feita polo propio Consello de Contas, que xa alertou deste problema no seu Informe de Fiscalización dos Fondos Europeos de 2018.
“O que non pode un goberno é comprometer un gasto público de aquí a dez anos e sen ter en conta á oposición, porque o ano que vén cando haxa eleccións e goberne Ana Pontón, que vai a ser quen presida o goberno da Xunta para executar estes fondos”, considera a eurodeputada nacionalista. “Xa o digo así de claro, se o Bloque goberna, os fondos europeos vanse executar todos, porque son instrumentos de gasto público para cubrir as necesidades das galegas e os galegos”, destaca.