A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, acusa ao exdirector de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, e de Renfe, Antonio Lanchares, responsables de desconectar o ERTMS da liña do Alvia na que faleceron 80 persoas, de “burlarse das vítimas” polas súas declaracións na Comisión de Investigación que se esta desenvolvendo no Congreso, en especial as do primeiro.
A eurodeputada nacionalista considera que existen responsabilidades xurídicas por parte da Dirección Xeral de Ferrocarriles e ADIF en relación co proceso de emisión de autorizacións e certificados de seguridade e das autorizacións para por en marcha subsistemas técnicos, como liñas ferroviarias e material rodante como o tren.
O BNG considera que antes de que se garantiran as condicións de seguridade para por en marcha o servizo da liña ferroviaria 082 e antes de que RENFE autorizara que o tren Alvia circulara, debían terse emitido os certificados de seguridade e a autorización para utilizar o tren, pois existía o risco de descarrilamento.
De acordo con estas consideracións, Ana Miranda presentou en xullo de 2017 unha denuncia contra o Estado español polo incumprimento da normativa comunitaria en materia de seguridade. “Compre lembrar que por riba dos responsables técnicos hai un Estado responsable que incumpriu a normativa comunitaria de seguridade ferroviaria”, defende Miranda ao respecto.
“Esta denuncia está en estudo pola Comisión Europea e agardo ter novas antes de fin de ano”, sinala a eurodeputada nacionalista. Despois do periplo europeo do BNG levando ás vítimas do accidente de Angrois a Bruxelas e xestionando encontros de alto nivel coa Comisaria de Transporte, coa Axencia Ferroviaria Europea e coa Comisión, Miranda lembra que “estamos na fase final de que se faga xustiza e se eviten accidentes deste tipo”.
Avaliacion de riscos
O primeiro informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) de xullo de 2013, que cuestionaba a investigación feita pola CIAF, xa afirmaba que non se comprobara a avaliación previa de riscos, o estado da vía e do tren”. “Precisamente foi grazas a ese informe europeo que tres días despois a Audiencia Provincial da Coruña reabrira o caso citando a responsables técnicos de ADIF e RENFE”.
Segundo considera a eurodeputada do Bloque, “hai xa demasiadas evidencias, incluídas as respostas da Axencia Ferroviaria Europea ao xuíz da causa do accidente, nas que se indica que era necesaria unha avaliación específica de riscos antes de por en marcha o tren Alvia e que circulara na liña onde se produciu a traxedia de Angrois”.
Ana Miranda sinala, por outro lado, que tras na denuncia presentada en xullo de 2017 e que está pendente de resposta pola Comisión Europea, a Comisión comprometeuse coa denunciante a preparar un novo informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) para avaliar a transposición da normativa no momento presente. Para abrir un procedemento de infracción, a Comisión Europea ten que avaliar a situación actual e se non se cumpre agora, non se cumpriu no presente. “Isto implicaría denunciar ao Estado de oficio polo executivo comunitario”, explica.
“Sería moi interesante a comparecencia da ERA na Comisión de Investigación do Congreso, así como xuízo”, sinala Miranda, para quen a súa comparecencia pode aportar datos reveladores sobre a seguridade da liña e a pertinencia de acometer unha investigación independente, “algo que agora sabemos que non se fixo pola negativa da exministra Ana Pastor”, lembra.