A deputada nacionalista cualifica de burla aos traballadores de Navantia a falta de compromiso da Xunta sobre a carga de traballo e o dique flotante
A portavoz de Industria do BNG, Carme Adán cargou hoxe contra o desleixo e incompetencia do Goberno galego para resolver a crise dos estaleiros galegos trala entrevista, mantida onte, entre os traballadores do sector e o titular da Consellería de Industria.
Adán lamentou o voto negativo do Partido popular a unha proposta nacionalista defendida hoxe na Comisión de Industria destinada a cumprir a Lei de fomento do sector naval galego e unha negociación coas partes implicadas.
Na defensa da iniciativa, a parlamentaria acusou ao Goberno de non cumprir a lei e mentir sobre os contratos con Pemex, acordos que cualificou de falsa promesa de Núñez Feijoo en período electoral.
O PP está a matar un sector económico estratéxico en Galiza
Na súa intervención, Adán tamén alertou da intención do Partido popular de deixar morrer un sector estratéxico para o desenvolvemento económico en Galiza pola súa vinculación á industria e innovación.
Ante a decepción amosada onte polo conselleiro de Industria e o alcalde de Ferrol, a deputada do BNG preguntou se o Presidente da Xunta tamén está preocupado pola falta de chapa para cortar nos estaleiros galegos porque, no mes de maio do ano 2012, dixo, Feijoo manifestou no Parlamento galego, en resposta a unha pregunta parlamentaria, que antes do verán habería carga de traballo e dique flotante.
Nova burla aos traballadores do naval
Para a deputada, todas estas circunstancias redundan nunha burla aos traballadores dos estaleiros galegos que día a día confirman a indefensión e falta de compromiso do Goberno para resolver a grave crise do sector.
Adán reiterou que, a pesar de seren aprobada na Cámara galega unha proposta para desenvolver a Lei de fomento do sector naval segue sen cumprirse a día de hoxe porque o Partido popular mantén o seu plan para acabar definitivamente co sector naval de Galiza, concluíu.