Adán reclama un debate sobre a tarifa eléctrica galega que o PP rexeita

Intervención da deputada Carme Adán

A deputada denunciou que Iberdrola, ENDESA e Gas Natural Fenosa repartiron máis de 180 millóns de euros nos seus consellos de administración dende o comezo da crise

Pleno.-A deputada do BNG defendeu unha moción para frear a destrución do tecido industrial de Galicia que o PP rexeitou.

Na súa intervención, denunciou a perda de 50.000 empregos indutrias, persoas con formación e experiencia no seu traballo que se viron obrigadas a emigrar a Europa ou a outras partes do Estado español ante a “agónica situación do sector industrial galego”, afirmou.

A portavoz de Industria do BNG tamén reclamou un debate sobre a tarifa eléctrica galega ante a inminente subida da luz da que dixo, resulta un elemento fundamental para as familias e pequenas e medianas empresas, mentres a reforma do PP beneficia ás grandes empresas eléctricas, “Iberdrola, ENDESA e Gas Natural Fenosa repartiron entre os seus consellos de administración 180 millóns de euros dende o comezo da crise”, dixo Adán.

Na súa intervención, a deputada criticou a eficacia dos textos lexislativos de impulso á industria galega que só serviron para lexitimar minas a ceo aberto como a de Corcoesto e unha Lei de Innovación, “inútil como texto” e nula ata día de hoxe á que sumou a lei de Emprendemento que non representa “máis que fume”.

A nacionalista plantexou tres temas para someter a debate: financiamento galego, sector enerxético e obxectivos do fomento industrial. Neste sentido, salientou que en Galiza existe un maior número de depósitos que de créditos e reprochou ao Partido popular non apostar por unha banca pública galega ou transformar o IGAPE nun Instituto de Crédito oficial como fixo Euskadi e Cataluña.

Ademais de nomear a situación de Pescanova, Adán tamén se referiu a outras empresas, tanto do sector téxtil como eólico e lamentou que a pesar de ser viables como T-Solar, o Partido popular sega no camiño de liquidalas como está a facer co sistema financeiro galego.

Finalmente, o Partido popular impediu que a iniciativa nacionalista prosperara.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG