A deputada volveu a reclamar unha Lei de Economía Social que recolla a perspectiva de xénero, medidas e modelos de financiamento, así como o impulso do autoemprego das mulleres
A deputada do BNG, Carme Adán lamentou que o texto lexislativo do Partido Popular non conte con financiamento nin teña en conta a transversalidade de xénero. Neste sentido, engadiu, que a lei de Economía social de Galiza debería materializar unha aposta polo autoemprego das mulleres e impulsar o cooperativismo.
Creación de capital risco cooperativo para o fomento de proxectos empresariais
Adán defendeu as emendas do BNG poñendo de relevo as relativas ao corporativismo coa creación dun capital risco cooperativo. Nesta liña apostou pola creación deste sistema para fomentar un marco de xestión pactado con Xesgalicia que impulse a posta en marcha de proxectos cooperativos de alto impacto dirixido ao mercado galego, estatal e exterior coa elaboración dos proxectos para participar de novas sociedades por un período inicial de tempo ata a súa consolidación e con financiamento da man das administracións públicas.A parlamentaria lamentou que o Partido popular rexeitara esta emenda de calado e que foi proposta por todas esas persoas que diariamente levan adiante proxectos cooperativos, sobre todo, no ámbito da cooperación agraria.
Por outra parte, a parlamentaria criticou a ausencia da Secretaría xeral de Igualdade no Consello de Economía Social, da que dixo, dependen a maioría das políticas nesta materia. Resulta incompresible que no texto que emana do Consello da Xunta non contemple a presenza do máximo organismo que no ámbito da economía social e cooperativas de mulleres é maioritaria. Tamén cualificou de mágoa que a nova lei non recolla a presenza dos sindicatos, organizacións feministas e Consello galego das mulleres.
Sobre as emendas nacionalistas, Adán volveu a defender os servizos sociais coa reclamación de orzamentos para o seu desenvolvemento e criticou que o Plan Impulsa de Economía Social non conte con recursos para a súa posta en marcha.
O BNG defende cláusulas de carácter social nas contratacións
Sobre esta cuestión, a nacionalista pediu introducir dentro da lei de contratos unha orientación que permita cláusulas de carácter social.
Adán volveu a reclamar plans de igualdade e conciliación nas empresas pero non pode ser, recalcou, un corta e pega, necesitan dotación orzamentaria e que as propias cooperativas nas que traballan mulleres poidan constatar que se realizan os plans. A vontade o Partido popular foi aceptar, parcialmente a nosa emenda pero dende o BNG queremos que no texto da lei sexa recollida a importancia dos plans de Igualdade e conciliación nas cooperativas e entidades de economía social polo que propuxo chegar a un acordo con todos os grupos parlamentarios para acadar un texto definitivo a este respecto.
A deputada defendeu a promoción das cooperativas agrarias en programas de desenvolvemento rural, a efectos de valorizar os servizos que prestan e impulsar outros servizos dirixidos a incrementar o benestar e a calidade de vida do medio rural.
Finalmente, Adán apostou por modificar o IGAPE nun Instituto de Crédito e Financiamento dotado doutros mecanismos orientados a crear novos instrumentos de desenvolvemento económico.