O Parlamento de Galiza acordou este venres por unanimidade reclamar ao Goberno do Estado que, antes de que finalice o 2024, restitúa as liñas e itinerarios ferroviarios eliminados nos últimos anos, tal e como recolle no seu primeiro punto a iniciativa do BNG que defendeu na Comisión 2ª o deputado Paulo Ríos.
Na mesma iniciativa se reclama ao Estado que amplíe a cobertura dos servizos ferroviarios en todo o País e que remate co déficit histórico de investimentos en infraestruturas e modernización do ferrocarril, comprometendo partidas orzamentarias específicas nos vindeiros Presupostos Xerais do Estado.
Tamén foron aprobados estes puntos da proposición non de lei que defendeu Ríos, que lamentou, porén, a falta de apoio á última reivindicación que incluía a iniciativa: “Levar adiante os estudos necesarios para a implementación do servizo ferroviario de proximidade galego, así como a transferencia da súa competencia a Galiza”.
Na exposición de motivos da iniciativa, Ríos denunciou a eliminación de horarios e itinerarios no servizo ferroviario durante os últimos anos e lamentou ademais que “a mentalidade centralista que supón querer conectar só con Madrid” fixo que “goberno tras goberno” Galiza fose quedando “cada vez máis atrás” no que ten que ver coas conexións interiores e na intermodalidade dos diferentes servizos de transporte público.
Reclamou, neste sentido, medidas para situar o transporte ferroviario no século XXI, poñendo fin ao que chamou “a tres D históricas” en infraestrutura: “débeda, déficit e desleixo”. “
Paulo Ríos considerou fundamental a posta en marcha dun tren de proximidade galego para interconectar as principais vilas e cidades galegas. “A día de hoxe pode ser máis sinxelo chegar a Madrid que a unha cidade do País”, lamentou.
Do mesmo xeito, o deputado nacionalista defendeu a transferencia das competencias sobre o ferrocarril de proximidade para organizar o transporte e dar un mellor servizo á cidadanía, “decidindo nós as prioridades neste eido, logo de ver como os diferentes gobernos do Estado foron deixando ao País no século XX ou XIX incluso, até con menos servizos que hai décadas”, apuntou aludindo as vías interiores que foron quedando obsoletas e sen uso nos últimos anos ou ás dificultades na conexión interna por transporte público.
Paulo Ríos subliñou na súa intervención a necesidade de impulsar o transporte público como elemento vertebrador do territorio, clave na loita contra o cambio climático e cun compoñente democratizador “ao que todo a sociedade debería ter acceso en condicións razoables”. Insistiu, neste sentido, na necesidade de dar un impulso á intermodalide que, dixo, “non pode ser só un apelido nas estacións que se constrúen”.