A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón instou hoxe en Vigo ás persoas que aínda non teñen decidido o seu voto, que lle queren a Galiza, e están preocupadas polo avance “dunha dereita extrema, cavernícola e antigalega” a optar polo BNG e non renunciar a nada o 28A. A nacionalista subliñou que a papeleta do BNG permitirá devolver a voz a Galiza no Congreso dos deputados e evitará que Ciudadanos e Vox acaden escano polas circunscricións galegas.
“Estámoslles a disputar os escanos en A Coruña e en Pontevedra, e a papeleta do BNG é a clave para que esa dereita vexa como dende Galiza somos un muro de contención fronte ás políticas involutivas, de regreso ao pasado, de crispación e de medo”, dixo, animando á mobilización do electorado para non perder un só voto en defensa do país e das políticas verdadeiramente de esquerdas sumando forzas no BNG.
Pontón destacou que o 28 de abril non é un día para ir a votar “por medo ou pola política do mal menor”, senón un día para votar con ilusión, con confianza en Galiza, “acreditando no que podemos facer como país e sendo conscientes de que nos xogamos moito”. Insistiu en que o Congreso vai estar conformado por representantes de forzas vascas, catalás, valencianas ou canarias, nun momento histórico excepcional no que Galiza tamén debe ter voz propia.
“Quen pode garantir a defensa dos intereses deste país sen subordinacións nin ataduras, quen pode garantir freo á dereita carca e cavernícola é o Bloque Nacionalista Galego”, subliñou, para lembrar que nas últimas lexislaturas tanto as novas como as vellas forzas políticas tiveron un elemento común: “compartir un papel discriminatorio para Galiza”.
“O vindeiro 28A podemos cambiar esa historia e comezar a escribir unha historia galega na que teñamos peso e sexamos decisivos, e ademais contribuamos para que esa dereita antigalega non teña nin un só escano polas circunscricións do noso país. Sei que imos conseguilo. Imos lanzadas polo apoio da xente e polo ‘feedback’ impresionante que estamos a recibir. Sei que o 28A moitos galegos e galegas van coller con orgullo a papeleta do BNG para dicir que somos un país que quere ter voz propia. O BNG vai ser a sorpresa o 28A”, finalizou.
Pola súa banda, a cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, salientou no reparto-ruada celebrado na mañá de hoxe no barrio do Calvario que “se para Galiza é imprescindible estar no Congreso, para Vigo é vital porque moitas das cousas que se está a xogar a cidade para o seu futuro estanse a xogar nas Cortes do Estado”.
Por este motivo animou a todas as viguesas e a todos os vigueses que non teñan o voto decidido “a que o pensen ben, que o pensen coa cabeza posta en Vigo e en Galiza, e que voten BNG porque é quen dará voz a Galiza e a Vigo, freará á dereita carca, e fará no Estado auténticas políticas de esquerda”.