O BNG cualifica de desastrosos tanto para Galiza como para a maioría social os catro anos de lexislatura do PP, marcados polos recortes de servizos públicos e de liberdades, pola recentralización furiosa, pola corrupción e por colocar os orzamentos do Estado ao servizo dos poderes económicos e do rescate da banca podre.
O portavoz nacional, Xavier Vence, considera que o goberno de Rajoy deu, de facto, un golpe de estado institucional en contra dos intereses de Galiza e da maioría social, incluíndo a legalización da pobreza laboral con salarios de fame.
Unha lexislatura desastrosa para a maioría social, para este país e para o noso autogoberno, na que Madrid deu un golpe de estado institucional ao servizo dos grandes lobbies madrileños para os que lexislou o PP, denunciou Vence facendo balance de fin do mandato popular. Neste contexto, as eleccións do 20D son clave para reverter a situación e insistiu no obxectivo de ter grupo parlamentario propio da man dunha candidatura galega de unidade.
Por iso, argumenta Vence, desde o BNG seguimos apostando por esa candidatura galega de unidade para ter un grupo parlamentario propio no Congreso que defenda os intereses de Galiza e corrixa os aspectos máis regresivos e insoportables que deixa o PP.
O dirixente nacionalista valorizou o traballo e a clareza do Bloque para impulsar esa candidatura dentro do espazo colectivo Plataforma Iniciativa pola Unión, que permanece aberto, reiterou, a todos os partidos e persoas que queren unha candidatura de ampla base social para dar a Galiza voz soberana en Madrid.
Neste sentido, sinalou a Podemos como o factor de división pola súa actitude colonizadora e na medida en que hai sectores que aceptan as súas imposicións.
Acaba por ser un factor de división no espazo da esquerda e do nacionalismo porque ven cunha vocación arrogante de colonizar un determinado espazo político, explicou Vence a preguntas dos medios. A insistencia na marca e a esixencia de integración dos e das electas no grupo de Pablo Iglesias son factor de división que dificulta a candidatura de unidade na medida en que hai certos sectores que aceptan as imposicións que está formulando Podemos, indicou.
O portavoz nacional sinalou que o principal escollo para avanzar na candidatura de unidade entre as forzas galegas é a supeditación de algúns as imposicións de Podemos, que busca reforzar o seu grupo parlamentario en Madrid sen admitir que Galiza como nación teña grupo propio e soberano, única premisa do BNG.
Contra a españolización
Ese grupo parlamentario galego traballaría tamén para reverter a privatización de servizos públicos e o proceso de centralización de competencias, que está laminando o autogoberno e que ten provocado a parálise de sectores estratéxicos como o eólico, a imposibilidade de negociar en Galiza prezos xustos para os produtores, a perda do sector financeiro galego ou a españolización do ensino, especialmente agresiva na limitación do idioma propio.
Hai que darlle a volta á involución do PP en todos os campos, hai que derrotar aos recortes, as políticas neoliberais e a centralización para poñer os intereses da maioría social e do país no centro dos debates, sintetizou Vence.