A Asemblea Nacional disporá dun Servizo de Organización conformado por unha equipa de militantes con disposición a facilitarche a información e axuda que precises. Para o bo desenvolvemento do conxunto da Asemblea Nacional solicitamos a túa colaboración para seguir sempre as indicacións do Servizo de Organización.
ACREDITACIÓN
A partir das 9 horas poderá facerse a acreditación como asembleísta.
A acreditación da militancia efectuarase por orde alfabética, tomando como referencia o primeiro apelido, nos postos ubicados no recibidor do Palacio de Congresos. No caso de simpatizantes e delegacións convidadas, a acreditación efectuarase nun posto específico que estará sinalizado.
Xunto coa tarxeta de votación será entregada a documentación da Asemblea.
Prégase seguir o itinerario de entrada e saída da zona de acreditación indicado polo Servizo de Organización para axilizar o proceso, e no caso de incidencias, que a persoa afectada se dirixa á mesa de incidencias para permitir que continúe a acreditación sen demoras.
IDENTIFICACIÓN
Para acreditarse como asembleísta e para poder exercer o voto en urna deberase presentar o carné de identidade.
ACCESO
Poderán acceder ao Pleno da Asemblea Nacional as e os militantes (deben figurar no censo), as persoas simpatizantes e convidadas cuxos nomes foran comunicados con anterioridade á Organización, e tamén as e os representantes das delegacións convidadas.
TARXETA DE VOTACIÓN
A tarxeta de votación será entregada no momento da acreditación a todas e todos os asembleístas, e deberá ser conservada ao longo de toda a Asemblea Nacional.
Esta tarxeta terá as seguintes utilidades na Asemblea Nacional:
- Acredita a condición de asembleísta e permite o acceso a todas as sesións, presentándolla ao servizo de accesos;
- Será a única referencia do servizo de recontos da Asemblea Nacional para computar os votos nas votacións a man alzada;
- Permitirá participar nas votacións en urna, se as houber, presentándoa á mesa de votación xunto co teu documento de identidade.
PARA INTERVIR NO DEBATE DE TOTALIDADE E INFORME DE XESTIÓN
Deberase solicitar a palabra antes das 10:30 horas. Porase a disposición de toda a militancia un boletín de petición de palabra, que se deberá solicitar e cubrir no posto de información xeral. En función das palabras demandadas, a Mesa distribuirá os tempos de intervención para o cumprimento do horario previsto.
PARA INTERVIR NO DEBATE DAS EMENDAS AOS TEXTOS
As persoas que defendan algunha emenda parcial ou voto particular deberán dirixirse á parte de diante do Pleno antes do seu inicio. En caso de coincidencia de varias persoas para a defensa dunha mesma emenda, designarase unha única persoa como portavoz que faga unha única intervención.
PROCEDEMENTO DE VOTACIÓN DAS EMENDAS AOS TEXTOS
As votacións ás emendas aos textos serán efectuadas a man alzada. Para iso, a Mesa indicará o momento das votacións após o correspondente debate, que se efectuará erguendo a tarxeta de acreditación como militante con plenos dereitos. Haberá un servizo de reconto que transmitirá á mesa o resultado das votacións.
PROCEDEMENTO PARA A VOTACIÓN EN URNA
Na votación secreta en urna para a elección dos órganos de dirección do BNG, o procedemento será o seguinte:
- A zona de votación estará formada por 20 mesas de votación e estará ubicada no mesmo lugar que a zona de acreditación. Polo tanto, cada asembleísta deberá votar na mesma ringleira e mesa onde se acreditou.
- Cada mesa de votación estará formada por dúas persoas do Servizo de Organización da Asemblea e polas persoas apoderadas que designen as candidaturas.
- A acreditación para votar realizarase mediante a tarxeta de votación (que posuirán exclusivamente as e os militantes con plenos dereitos inscritos e acreditados na Asemblea Nacional) e amosando carné de identidade para a identificación persoal.
- No momento da votación comprobarase a inclusión de cada asembleísta no censo e, en caso positivo, farase constar no mesmo que emitiu o seu voto.
- En caso de incidencias no desenvolvemento da votación, as persoas afectadas deberán dirixirse á mesa de incidencias e permitir que continúe a votación. A mesa de incidencias disporá dos listados de acreditación e dirimirá cada caso. A votación destas persoas, no seu caso, producirase ao final da votación, previa comunicación da mesa de incidencias do seu ditame á mesa de votación correspondente.
- As e os votantes deberán seguir o itinerario de entrada e saída da zona de votación indicado polo Servizo de Organización para axilizar o procedemento.
- Unha vez rematada a votación, cada mesa fará reconto e transmitirá o resultado á Mesa da Asemblea Nacional
ESPAZO INFANTIL
Tes ao teu dispor un servizo para nenos e nenas, que estará situado no propio recinto do Palacio de Congresos.
O horario de atención deste servizo será de 10,00 a 14,00 e de 15,30 a 19.30 horas.
ESPAZO DE XANTAR
Estará ubicado no propio recinto do Palacio de Congresos (na parte traseira). Para poder facer uso deste espazo debes ter formalizado a túa reserva previamente, co pagamento efectuado no número de conta que se indicou ás persoas que fixeron a súa inscrición no xantar. Se estás entre as persoas que fixeron reserva de xantar, recibirás un tícket para poder acceder ao espazo de xantar.
Contaremos cun servizo de cafetería que estará aberto durante todo o día.
ESPAZO PARA PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA
No pleno da Asemblea Nacional existen espazos destinados á persoas con mobilidade reducida ou que precisen cadeira de rodas. No caso de precisares facer uso deste espazo non dubides dirixirte ao servizo de organización da Asemblea.
Tamén tes máis información na web nacional do BNG www.bng.gal
Vémonos o 1 de decembro en Compostela! Adiante co BNG!