[Galegas 2020] Voto por correo de doentes e persoas con diversidade funcional

Sobre

Os/As electores/as que, residindo na Galiza, se encontren imposibilitad@s por razón de doenza ou incapacidade para depositaren o seu voto o día da votación, e tampouco poidan acudir persoalmente á Oficina de Correos, poden exercer o voto por correo, de acordo co seguinte procedemento.

1. Constatación da concorrencia da circunstancia de enfermidade ou incapacidade d@ elector/a.

No suposto de incapacidade ou doenza, a imposibilidade de formular persoalmente a solicitude de voto por correo acreditarase por medio de certificado médico oficial. O certificado médico será gratuíto, e é preferíbel que se estenda sobre papel oficial distribuído polos Colexios Médicos, e constará expresamente a enfermidade que se padece.

Tras a expedición do certificado médico, un notario/a desprazarase ao domicilio do/a enfermo/a ou incapacitado/a co obxecto de comprobar se o/a mesmo/a posúe capacidade de obrar suficiente para exercer o dereito ao voto.

Se a notaria/o xulga afirmativamente que si posúe esa capacidade, elevará escritura pública a favor dunha terceira persoa para que tramite o voto por correo do/a enfermo/a ou incapacitado/a. Cada enfermo/a ou incapacitado/a pode apoderar unha persoa unicamente, e cada apoderado/a pode representar a un só doente. A Notaria/o expedirá copia autorizada da escritura a favor do/a apoderado/a, sendo conveniente solicitarlle que inclúa o certificado médico na escritura como documento integrante da mesma, e ao tempo, que expida tres copias simples máis, que son igualmente válidas para realizar os trámites do voto por correo, a teor do Acordo da Xunta Electoral Central de 12 de maio de 1994.

2. Solicitude do certificado de inscrición no censo.

Do mesmo xeito que no procedemento de voto por correo ordinario, cómpre solicitar a inscrición no censo electoral diante de calquera Oficina de Correos. Neste caso, a solicitude realízaa @ apoderado@, acompañado da copia autorizada da escritura pública e de copia simple para achegar esta última ao impreso de solicitude dirixido á Delegación Provincial da OCE.

Nese impreso indicarase ademais o enderezo d@ elector/a onde debe ser enviada a documentación electoral, así como o nome e enderezo da persoa autorizada para recollela. Daquela, no impreso de solicitude existe a dobre posibilidade de facer constar ben o enderezo do elector, ben o da persoa autorizada ou apoderad@.

3. Recepción da documentación electoral.

A recepción da documentación electoral realízase seguindo o mesmo procedemento que o voto por correo ordinario. Agora ben, se designamos o enderezo d@ apoderad@ para recibir a mesma, e co fin de evitar problemas na entrega derivadas de reticencias d@ funcionari@ de correos a entregala a persoa distinta do elector/a, é aconsellábel gardar a copia autorizada do apoderamento, e ensinarlla para que comprobe a condición de apoderad@ d@ elector/a.

4. Envío do sobre coa papeleta de voto.

O procedemento é o mesmo que na modalidade de voto por correo ordinaria, mais segue a ser aconsellábel conservar a copia autorizada do poder notarial, ou presentar no seu defecto unha copia simple, para presentala na Oficina de Correos na que se realice o envío certificado e urxente do sobre de votación.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG