Rodas: “ En vez de ir a Bruxelas a facer unha foto, reúnanse co sector do xeito”

O deputado reprochou ao Partido popular non exercer o autogoberno para desenvolver as competencias exclusivas en materia de pesca

O deputado do BNG, Daniel Rodas defendeu hoxe na Comisión de Pesca instar ao Goberno galego reclamar ante o Goberno español e a Unión europea as competencias exclusivas de Galiza en materia de pesca.

Na intervención, Rodas recomendou ao Partido popular deixar “as políticas de propaganda” e asumir os problemas reais, “vostedes, dixo, deberían reunirse máis co sector” e abandonar a política de xestos como a que fixo Feijóo en Bruxelas a onde foi só “para sacar unha foto” cando o problema do xeito xa fora tratado a través dunha representación do sector do xeito convidada ao Parlamento europeo pola portavoz do BNG, Ana Miranda.

Dende o BNG, afirmou aspiramos a ter maiores competencias e hoxe o que pedimos é que o Goberno galego as exerza en augas interiores outorgadas polo Estatuto de Autonomía e a propia Constitución e nin sequera esas “queren defender”.

Neste sentido, explicou que coa normativa estatal sobre o Plan xeral da sardiña, “o xeito podía estar traballando co normalidade” diferenciando as artes tradicionais das industrias, “defendemos o espazo galego de libre decisión” e a pesar de que a U.E ten competencias en recursos existen determinadas pesquerías que co reparto blindado quedamos fora. Hai oito anos pescábanse 8.000 quilos ao día e hoxe hai barcos aos que lle asignan entre 4.000 e 5.000 para toda a temporada, “esta é unha situación dramática para nós”.

Rodas tamén aludiu ás competencias do Estado español nas que produto das negociacións, a Comunidade andaluza consigue o 99% da cota do bocareo e na negociación da xarda o País vasco obtén unha cota do 50% da cota que lle corresponde “ao cerco galego”. A xunta, mentres tanto só ten un proxecto para a pesca galega, afirmou, “abrir a porta para o desguace” e animar aos traballadores do mar a “buscar a vida noutra actividade”.

Pola  súa parte, o portavoz do PP, Gonzalo Trenor xustificou o voto en contra á iniciativa parlamentaria argumentando que a Xunta “xa está a facer a defensa das competencias no ámbito político e xudicial e alí onde sexa necesario”

Rodas criticou o descoñecemento do portavoz popular sobre os verdadeiros problemas do sector polo que lle recomendou ao PP “que baixen á terra e asistan ás reunións do sector do xeito, en troques de ir a Bruxelas a facer unha foto”.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG