Carme Adán volveu pedir a retirada dun anteproxecto que obrigará ás mulleres a abortar nas peores e máis inseguras condicións
Pleno- A deputada e portavoz de Política de Igualdade, Carme Adán iniciou hoxe a súa pregunta ao goberno defendendo que a conciencia de cada muller debe decidir que facer co seu corpo e a súa maternidade.
Adán principiaba, dese xeito, a pregunta parlamentaria ao Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda sobre a modificación da lei do aborto. A parlamentaria asegurou que ninguén pode xulgar a unha muller por decidir interromper voluntariamente o seu embarazo e na reforma iniciada polo Ministro Gallardón, usúrpaselle a muller ese dereito.
A nacionalista pediu a retirada do anteproxecto e citou a Clara Campoamor para explicar que só existe unha cousa que fai un sexo, alumbrar, as demais, dixo, facémolas en común, e vostedes no texto da reforma da lei do aborto pretenden quitarlle este dereito ás mulleres.
Adán acusou á secretaria Xeral de Igualdade de permanecer muda ante un anteproxecto rexeitado amplamente pola sociedade e que mil veces repetiremos, afirmou é regresivo, lesivo e involucionista e obrigará ás mulleres a abortar nas peores condicións.
Se vostedes respaldan a reforma da lei do aborto, non estarán lexitimados nunca máis para falar de igualdade das mulleres, concluíu.