A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Cristina Fernández, denunciou na Comisión 4.ª, Educación e Cultura a necesidade urxente de ampliar e mellorar as instalacións do CEIP de Mondariz Balneario, unha demanda histórica da comunidade educativa e das familias. A deputada nacionalista advertiu que este centro educativo presenta graves carencias dotacionais, que afectan tanto ao alumnado como ao persoal docente e dificultan a conciliación das familias.
Na súa intervención, Fernández Davila destacou que o CEIP carece de infraestruturas fundamentais como un ximnasio onde os nenos e nenas poidan realizar as prácticas de Educación Física con garantías, un comedor escolar dentro do propio recinto ou unha aula multiusos. “Ademais, o centro precisa unha renovación urxente das súas instalacións para mellorar a eficiencia enerxética, incluíndo o cambio de ventás, persianas e illamento, así como a substitución do sistema de calefacción por un máis sostible”.
A deputada do BNG puxo de manifesto a situación de discriminación que sofren os centros educativos do rural en Galiza, que levan décadas sen recibir investimentos axeitados por parte da Xunta. “Levamos 15 anos de goberno do Partido Popular nos que se desatenderon as necesidades do rural galego. Mentres promoven campañas como ‘Ruralízate’, os recortes en educación, sanidade e servizos sociais seguen expulsando poboación destas zonas”, afirmou.
Fernández Davila lembrou que, ante a inacción da Administración galega, foi o propio Concello de Mondariz Balneario quen asumiu con fondos propios distintas obras de mellora no colexio, como a reforma da fachada, a cuberta e as escaleiras, ou a solicitude de subvencións para cambiar o sistema de calefacción. “O Concello está a asumir competencias que lle corresponden á Xunta, utilizando recursos municipais que deberían destinarse a outras necesidades locais como saneamento, abastecemento de auga ou servizos sociais”, denunciou.
A parlamentaria nacionalista tamén alertou de que a falta de espazos e servizos educativos no CEIP de Mondariz Balneario está a ter consecuencias directas na matrícula do centro. “Están a rexeitarse solicitudes de praza por non contar con capacidade suficiente para novas unidades educativas, o que está a afectar ao asentamento de novas familias na vila”, advertiu.
Ademais, incidiu no risco que supón que o alumnado que precisa o servizo de comedor teña que saír do centro para xantar nun local habilitado pola Asociación de Nais e Pais, situado ao carón da estrada provincial. “É unha situación insostible, que pon en risco a seguridade das crianzas e que podería solucionarse cun investimento mínimo por parte da Consellería de Educación”, explicou.
Finalmente, a deputada do BNG criticou a falta de compromiso do PP co ensino público no rural e lembrou que o seu grupo parlamentar xa presentou emendas aos Orzamentos da Xunta para aumentar os investimentos nos centros educativos, que foron sistematicamente rexeitadas polo goberno do PP. “O que vemos é unha política de abandono e precarización do ensino público no rural, mentres se destinan recursos a privatizacións e concertos educativos”, concluíu.