Parlamento Galego

BNG acusa a Xunta do PP de “deixadez total” na recuperación das pezas expoliadas ao Mosteiro de Carboeiro nos anos 50

Xerardo Díaz, Ariadna Fernández e Erea Rei
Xerardo Díaz, Ariadna Fernández e Erea Rei

Ariadna Fernández : “Déronlles o traballo feito e vostedes non foron capaces de actuar con medidas contundentes e poñer prazos para recuperalas”

A deputada do Deza asegura que  é un sintentido e unha falta de respecto ao investigador que localizou as pezas, ao mosteiro e ao noso patrimonio

O BNG acusa á Xunta do PP de “deixadez total de funcións” á  hora de adoptar medidas contundentes e de poñer prazos para recuperar as pezas “arrincadas literalmente” nos anos 50 do Mosteiro de Carboeiro , o Cristo en Maxestade e a outra unha talla medieval dos evanxelistas San Lucas e San Xoán situadas no tímpano deste monumento declarado Ben de Interese Cutural.

A deputada Ariadna Fernández, na súa intervención na Comisión de Cultura, acusou o Goberno galego de non ser capaces de restituír as pezas malia a que “lle deron o traballo feito” e  tildou de “sinsentido” e “falta de respecto” ao investigador da Universidade de Santiago, Francisco Prado Vilar, que foi quen axudou coas súas pesquisas a localizar as pezas que hoxe en día se encontran no Museu Frederic Marès de Barcelona.

“Hai probas de que as pezas foron espoliadas e o museo non oculta de onde proceden pero vostedes non son capaces de que nos devolvan o que é noso por lei. É unha vergonza para o Goberno galego e unha falta de respecto ao mosteiro e ao noso patrimonio”, afirmou Fernández.

Oito meses despois de que o BNG preguntase polas actuacións realizadas pola Xunta para recuperar as pezas, esta recoñeceu agora que, despois de contactar co museo Marés e co concello de Barcelona, non foi quen de resolver os feitos e pide a colaboración do Ministerio de Cultura.  

“En lugar de adoptar unha postura firme e reclamar o que por dereito e lei é noso, pásanlle a pelota ao Ministerio, cando son vostedes os que teñen a responsabilidade”, recriminou Fernández, engadindo que “non foron capaces de sentar nunha mesa as administracións competentes implicadas, os expertos na materia e a dirección do museo e explicar a situación e as posibles vías para que as pezas volvan a Galiza”.

A deputada nacionalista recordou na súa intervención que, no momento en que a prensa se fixo eco da nova sobre o espolio das pezas, o concelleiro de cultura do Concello de Barcelona anunciou que lle ía encargar ao museo Marés que se fixese unha investigación para saber que papeis posuían da adquisición das esculturas e, como xa sospeitaba o investigador galego non había máis ca un papel manuscrito da viúva do empresario alemán —a quen o museo lle mercara as pezas nos anos 70— no que se reflexaba un pago “en B” de 700.000 pesetas polo tímpano do Mosteiro. “Non teñen nada co que xustificar a presenza das pezas alí e a Xunta leva dende 2023 sen facer absolutamente nada para recuperalas”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG