O deputado do BNG, Cosme Pombo reclamaba na iniciativa instar ao Goberno galego a demandar ante o Goberno central medidas destinadas a evitar as consecuencias dos desafiuzamentos e impedir os cortes de luz e gas ás familias vulnerábeis en Galiza
Os votos en contra do Partido popular á Proposición non de lei defendida polo deputado do BNG, Cosme Pombo impediron que prosperara a reclamación nacionalista para evitar as consecuencias dos desafiuzamentos e os corte de subministracións básicas a familias en situación de vulnerabilidade en Galiza.
O parlamentario defendeu instar ao Parlamento español e Goberno, que se constitúa na próxima lexislatura, a adoptar entre outras medidas: A modificación da Lei Hipotecaría e de Enxuizamento Civil para favorecer a dación en pago retroactiva, a condonación da débeda paras os debedores hipotecarios da súa vivenda habitual e única e a eliminación automática das cláusulas abusivas respectando as sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea.
Na súa intervención, Cosme Pombo reclamou establecer medidas que garantan o dereito a unha vivenda digna e reiterou a necesidade de evitar as graves consecuencias dos desafiuzamentos.
Asemade tamén pediu resolver un prezo alcanzábel para as familias e se artellar medidas reais para vivendas sociais. O parlamentario manifestou que en Galiza existen máis de 10.000 familias que perderon a vivenda e moitas delas, quedan empeñadas para toda súa vida.
O deputado concluíu apelando a creación dun paquete de medida globais que atallen o grave problema da falta de vivenda e dos desafiuzamentos.