Como voz galega en Europa, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, pon en marcha unha campaña para trasladar ás institucións europeas os diversos problemas que existen en Galiza sobre vivenda. Esta campaña abarca tanto encontros sectoriais e institucionais nas diferentes cidades e vilas galegas como reunións coas comisións do Parlamento Europeo afectadas, en especial a recén creada Comisión de Vivenda.
“A primeira destas visitas será da man dun convidado moi especial, o vicepresidente desa comisión, o eurodeputado Vicent Marzá, no Concello de Santiago de Compostela, coa alcaldesa Goretti Sanmartín”, subliña Ana Miranda, quen destaca a importancia de que o escano do BNG en Europa sexa unha porta para levar os problemas de vivenda de Galiza a Bruxelas.
Entre estes problemas destacan a vivenda baleira; a rehabilitación e renovacións de vivenda;; a construción de vivenda nova; a revisión das axudas estatais; a loita contra a pobreza; o uso dos fondos estruturais; a participación do Banco Europeo de Investimento (BEI) e, por suposto, a existencia de vivendas de uso turístico.
Exemplo de boas prácticas
Porén, ademais de trasladar ás institucións europeas os problemas de vivenda en Galiza, o obxectivo desta campaña tamén consiste en dar a coñecer en Europa os casos de boas prácticas que se están poñendo en marcha en diversos concellos galegos, como é o caso do Concello de Santiago de Compostela da man do BNG e a alcaldesa Goretti Sanmartín.
Entre as medidas adoptadas polo concello santiagués que mañá se trasladarán ao vicepresidente da Comisión de Vivenda da Eurocámara, o eurodeputado de Compromís Vicent Marzá, destacan o intenso traballo para priorizar a rehabilitación, a dotación de vivenda pública en alugueiro e a posta en uso do parque residencial existente, así como a preparación da declaración de zona de mercado tensionado.