O rexedor de Rianxo desprazouse a Bruxelas para seguir a votación do informe Brianno e asegura que o BNG seguirá vixiante nesta loita xusta
O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, manifestaba desde Bruxelas a súa decepción polo feito de que a burocracia, manexos políticos e as componendas dos grupos maioritarios da Eurocámara e da Comisión Europea prolonguen ata tres meses máis o futuro do sector do xeito, que hoxe esperaba a votación do informe Brianno na Comisión Europea de Pesca.
Muíños, que se desprazou ata o Parlamento Europeo para seguir en directo o debate e votación final do informe, lamenta non poder volver coa boa nova para o sector do xeito, tan importante en Rianxo e noutros portos galegos, de que esta arte de pesca artesanal quedaba definitivamente excluída da prohibición das redes de deriva.
Ven a campaña do verán que é crucial para o sector pero, en calquera caso o BNG vai seguir vixiante e mantendo a presión nas institucións europeas ata conseguir garantir o futuro do xeito e, se é mester, volveremos cos representantes das confrarías e cos mariñeiros do xeito, de nova traeremos as nosas redes para que vexan aquí as nosas demandas e lle dean unha resposta definitivo, explicou Muíños, acompañado da portavoz do BNG na Eurocámara e secretaria de Política Internacional, Ana Miranda.
Unha vez máis a burocracia de Bruxelas provocou este novo aprazamento na decisión da que o sector esta pendente, pero non lle imos deixar esquecer que estamos ante unha reivindicación xusta coa que seguiremos adiante aquí na Eurocámara pero tamén en Santiago e Madrid, recalcou o rexedor de Rianxo.
O BNG ten presentado diferentes emendas para garantir que o xeito queda excluído da prohibición de redes de deriva, ademais de ter realizado un inxente traballo de denuncia e de argumentación ante as autoridades comunitarias para facerlles entender o disparatado de poñer en risco unha das artes de pesca máis sustentables que existen.
Neste sentido, Miranda e Muíños organizaron unha xornada na Eurocámara cos principais interlocutores técnicos e políticos do Parlamento e da Comisión cos mariñeiros e representantes de confrarías, para dar a coñecer de primeira man as súas reivindicacións e o funcionamento desta modalidade de pesca da que viven 400 familias. Froito desa xornada, as autoridades comunitarias abriron a porta a exclusión do xeito desa prohibición das redes de deriva.