O BNG valora moi positivamente que o sector do xeito tivese superado con éxito a primeira proba coa tramitación do informe Marco Affronte aprobado hoxe na Comisión de Medio Ambiente da Eurocámara incluíndo tres das séis emendas presentadas pola formación nacionalista a través da representación Os Pobos Deciden.
As emendas do Bloque aprobadas recollían expresamente a necesidade de excluír esta arte de pesca da prohibición total das redes de deriva, pola súa selectividade, que non dana a mamíferos mariños nin a aves mariña, nin incorre en capturas accesorias. Polo tanto, o xeito quedou excluído da prohibición xenérica de redes de deriva que promove a Comisión Europea.
O BNG valora positivamente este primeiro voto na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo, que exclúe expresamente da prohibición total a artes como o xeito, pois era desproporcionada, e é un primeiro paso neste proceso lexislativo para que se teña en conta a situación do xeito, salientou tras a votación a portavoz en Bruxelas e secretaria de Política Internacional, Ana Miranda.
Para Miranda foi decisivo a visita que unha delegación do sector fixo a Bruxelas en decembro da man do BNG, coa posibilidade de explicar ao máximo nivel ás autoridades comunitarias a situación do xeito, suplindo a falta de información e o desleixo tanto da Xunta como do Goberno central.
Tanto os relatores dos informes na Eurocámara como os responsables de promover esta normativa na Comisión se decataron coa esa información que incluír o xeito era desproporcionado, e máis cando se trata dunha arte sustentábel.
A tramitación continúa o proceso, e pasará en breve pola Comisión de Pesca onde se votará o 30 de marzo, onde se espera tamén unha votación que exclúa o xeito. O BNG xa confirma que van asistir a esa votación o Alcalde de Rianxo e o Patrón maior de Rianxo, principal vila afectada, porque queremos seguir moi de cerca todo o proceso ata o final, subliñou Miranda.